Verdegaia ven de formular alegacións ao proxecto de  "rexeneración das marismas do río Belelle" xa que atopamos numerosas actuacións contraproducentes que ademais fannos sospeitar que  baixo o falso epígrafe da rexeneración , o que realmente se pretende construír é un novo paseo marítimo.

O tramo afectado aínda mantén zonas cunha importante naturalidade formadas por vexetación de ribeira autóctona amais de constituír un ecosistema de alto interese ornitolóxico acollendo unha ampla diversidade de aves acuáticas que buscan refuxo e alimento neste humidal. É por iso que, tanto a Xunta de Galicia,  como diversas entidades ambientalistas entre as que se atopa Verdegaia veñen de propoñer o Río Belelle como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Isto incluiría a súa desembocadura e polo tanto as marismas afectadas.

Consideramos que o proxecto de rexeneración das marismas do Rio Belelle debería estar orientado única e exclusivamente a recuperar o estado natural no que se atopaban anteriormente as marismas do Coto e de Santa Mariña. E, polo tanto, non entendemos, por poñer uns exemplos:

– A construción dun "sendero litoral" na fachada do núcleo de Sta. Mariña (constituído por lousa cuarcítica con borde de granito), no que se empregaría como recheo os entullos procedentes do desmantelamento dun muro perimetral. Esta actuación, conlevaría o sepultamento dunha parte da marisma e a modificación do relevo litoral existente, ademáis da destrución da vexetación arbustiva asentada no mesmo.

– Actuacións como o "carreiro de xabre" bordeando a marisma do Coto ao que non lle atopamos sentido xa que na mesma zona xa existe un paseo marítimo paralelo ao proxectado. Tampouco entendemos a actuación dos estanques de marés denominados "lúa chea" e "lúa nova" proxectados sobre a Marisma do Coto, máis proprios dun parque urbano.

– Que se manteña intacto o muro perimetral que bordea a Marisma do Coto coa pretensión de convertela nun espazo lúdico e didáctico, mantendo abertas unicamente as dúas  entradas de mareas que posúe; as cales resultan insuficientes para reestablecer o réxime hidrolóxico que existía con anterioridade á construción do muro.

– No proxecto non se contempla o traslado dos tendidos eléctricos que atravesan as marismas de Santa Mariña e do Coto co obxecto de evitar o impacto paisaxístico das mesmas e as posibeis radiacións electromagnéticas sobre os habitantes da zona.

Ademáis dos inconvenientes ambientais que presenta o proxecto nos termos actuais, practicamente a totalidade das actuacións proxéctanse no Dominio Público Marítimo Terrestre (D.P.M.T.). De acordo co apartado 1 do artigo 60 do Regulamento de Costas, "Únicamente se podrá permitir la ocupación del dominio público marítimo-terrestre para aquellas actividades o instalaciones que, por su naturaleza, no puedan tener otra ubicación"; non é este o caso que nos ocupa, dado que as actuacións proxectadas invadirían os terreos colindantes coas marismas de Santa Mariña e O Coto, correspondentes á Zona de Servidume de Proteción (Z.S.P.). En calquera caso, o artigo aclara que "En todo caso la ocupación deberá ser la mínima posible"; non sendo tampouco o caso, dado que a totalidade das actuacións proxéctanse no D.P.M.T., non son afecións puntuais. O Regulamento de Costas dispón ademáis que "Deberán prever la adaptación de las obras al entorno en que se encuentran situadas y, en su caso, la influencia de la obra sobre la costa y los posibles efectos de regresión de esta"; tampouco é este o caso, dado que se prevén actuacións como os estanques de mareas vivas, as escolleiras de pedra no Río Basteira, o recheo de entullos e a construción dun muro de mampostería para a construción do paseo litoral na ribeira de Santa Mariña, etc., que provocarían modificacións do medio físico que constitúe o D.P.M.T., resultando ser este o que se adaptaría ás obras proxectadas e non ao contrario. No citado regulamento tamén se establece que: "Los paseos marítimos se localizarán fuera de la ribera del mar …" .  Neste caso, o "sendero de pizarra cuarcítica con bordillo de granito" e o "sendero de jabre", por exemplo, proxéctanse dentro da ribeira do mar da Ría de Ferrol, polo que é falso que "Los senderos mas consolidados discurren por servidumbre de tránsito" (entendendo por aqueles que están proxectados), como se chega a afirmar na Memoria do proxecto, referente á influencia no dominio público marítimo terrestre.

Respecto as repoboación vexetais recomendamos que simplemente se deixe actuar á natureza xa que non se pode prever (o cal recoñece o propio Estudo de Incidencia Ambiental) o tipo de vexetación que se asentaría finalmente nas marismas debido aos cambios que se producirían no medio físico como consecuencia da eliminación dos muros perimetrais, permitindo unha maior cantidade de augas salobres, etc.