logo_vai_de_roteiros_cor.jpgGaliza dispón dunha riqueza natural, cultural e paisaxística só comparábel ás barbaridades que tristemente tamén podemos atopar con certa facilidade… encoros, autoestradas, explotacións mineiras, etc. Co dobre obxectivo de coñecer o noso territorio e denunciar moitas das desfeitas que están a degradalo, Verdegaia pon en marcha unha nova edición, a terceira, do seu programa Vai de Roteiros!

Cada terceira fin de semana do mes, un dos núcleos comarcais de Verdegaia será responsábel da organización e realización dun roteiro no que divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.

Espazos litorais coma o complexo intermareal Umia-O Grove, a Costa Ártabra ou a Illa de Ons; treitos fluviais coma as ribeiras do río Arnoia, as ribeiras do Miño ou as Brañas de Laíño; e serras como as do Suído e da Groba serán o marco natural no que poder observar a fauna, a flora, as formacións xeolóxicas ou os vestixios dunha cultura, a labrega, que no seu momento respectou os ciclos da natureza. Do mesmo xeito, será difícil non ver a ocupación urbanística no litoral, ou os impactos das infraestruturas hidráulicas nos ríos e das canteiras nas serras, entre outras mostras do actual modelo de progreso…

Os roteiros serán anunciados coa suficiente antelación na nosa páxina web (www.verdegaia.org), na que poderedes atopar tamén información máis detallada sobre cada un deles (desprazamentos, lonxitude, dificultade, etc.).

Programa 2010-2011

Outubro: Estaca de Vares. NC de Ferrol.

Novembro: Ribeiras do río Arnoia en Allariz. NC de Ourense.

Decembro: Complexo intermareal Umia-O Grove. NC de Pontevedra.

Xaneiro: L.I.C. Costa Ártabra entre Ares e Mugardos. NC de Ferrol.

Febreiro: Chouzos do Suído. NC de Pontevedra.

Marzo: Serra da Groba. NC de Vigo.

Abril: Brañas de Laíño. NC de Compostela.

Maio: Ribeiras do Miño na cidade de Ourense. NC de Ourense.

Xuño: Illa de Ons. NC de Vigo.