vertedoiro_baralla-12O pasado mércores Verdegaia reuniuse co Fiscal de Medio Ambiente, Álvaro García Ortiz para presentar dúas denuncias por posíbel delito ambiental pola existencia de dous vertedoiros ilegais, un en Baralla e outro en As Nogais, empregados habitualmente polos respectivos concellos. Ámbolos dous vertedoiros carecen da máis mínima medida de control, incumprindo a lexislación vixente e presentan grave risco de contaminación.

O vertedoiro de Baralla está situado sobre unha ladeira, a escasos 100 metros do río Neira e augas arriba dunha piscifactoría e o de As Nogais preto do cumio do monte Lago Seco, nas estribacións da Serra dos Ancares.

Entre as irregularidades detectadas destacan a ausencia dun sistema de canalización e depuración de lixiviados, non hai impermeabilización do chan dos vertedoiros, non teñen ningún tipo de medida contra as filtracións de líquidos contaminantes, non contan con peche de seguridade que impida o acceso ao recinto, mestúranse residuos de todo tipo incluídos perigosos como pilas, aerosois, neumáticos, non gardan unha distancia mínima de seguridade coas masas forestais que os rodean e mesmo o de Baralla arde periodicamente.

vertedoiro_as_nogas-5A existencia deste tipo de recintos sen control supoñen unha grave ameaza ambiental para a súa contorna pola súa capacidade contaminante en acuíferos, solos, arrastres pola chuvia, emisións de gases e tamén para a seguridade das persoas ao non estaren dotados de medidas de restrición de acceso. Tamén son unha proba máis de desleixo no exercicio dos labores de inspección e control por parte da Consellería de Medio Ambiente e a irresponsabilidade coa que se enfronta, dende determinados concellos, o problema dos residuos.

Na súa denuncia, Verdegaia insta á fiscalía a investigar pormenorizadamente os feitos e determinar a persoa ou persoas responsábeis para proceder xudicialmente contra eles.