Verdegaia dirixiuse ao Valedor do Pobo para formular unha queixa contra a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (anterior Dirección Xeral do mesmo nome) da  Xunta  por continuar a incumprir disposicións legais relativas á información á cidadanía sobre a calidade do aire. En concreto, Verdegaia lamenta a escasa información dispoñible publicamente sobre a calidade do aire na contorna de industrias moi contaminantes.

Verdegaia apunta na súa queixa a falta de información diaria sobre os valores de concentración de contaminantes no aire medidos nas estacións de avaliación da calidade do aire de carácter industrial da Rede Galega de Calidade do Aire. Na web sobre calidade do aire da Xunta é posible acceder a información sobre as estacións urbanas (9), mais non sobre as industriais (66). 

Ademais, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas restrinxe a información sobre as estacións industriais que se divulga con carácter anual nos correspondente balanzos oficiais anuais sobre calidade do aire. Así, no informe para 2008 só se divulgaron datos  para 21 do total de 66  estacións  industriais existentes. No informe para 2007, divulgado no ano pasado, só se difundiron datos para 23 dun total de 64 estacións operativas. É dicir, para a maior parte das estacións industriais non se está a facilitar ningún tipo de información, nin tan sequera con carácter anual, o que  fai  pensar que esas estacións non  funcionan ou o  fan de  forma deficiente,  ou que simplemente se oculta  información.

En particular, sobre a calidade do aire na contorna dalgunhas industrias non se  difundiu, por segundo ano consecutivo,   ningún dato. Trátase de CEMENTOS   COSMOS,   da  central térmica de Sabón (UNIÓN FENOSA), de FERROATLÁNTICA-Dumbría,  de  FERROATLÁNTICA-Sabón,  de FINSA (Santiago), de  MATERIALES DEL ATLÁNTICO (Narón)  e  de SOGAMA (Cerceda). Dúas das estacións para as que non se divulgaron datos correspondentes a 2008  (nin tampouco a 2007 e a 2006) sitúanse na contorna de CEDIE (Valdeorras), e en ambas as dúas  incumprirase   en 2005 o valor  límite diario legal de PM10 (partículas inferiores a dez micras) para a  protección da saúde humana.

A calidade do aire en Galicia. Balanzo 2008

As insuficiencias da información á cidadanía sobre a calidade do aire en Galicia veñen sendo denunciadas nos informes anuais sobre a calidade do aire que elaboran conxuntamente desde 2007 Verdegaia e a confederación estatal Ecologistas en Acción.  No divulgado en xuño pasado, "A calidade do aire en Galicia. Balanzo 2008", denúnciase que, en practicamente todas as principais cidades galegas (A Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense e Lugo), se superan os valores máximos recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) para as concentracións no aire de partículas inferiores a 10 micras (PM10), o contaminante atmosférico máis preocupante desde o punto de vista da saúde humana. O tráfico é o principal factor de degradación da calidade do aire no ámbito urbano.

O informe "A calidade do aire en Galicia.Balanzo 2008", de Verdegaia e Ecologistas en Acción, pode descargarse desde http://www.verdegaia.org/content/view/865/87/