Dende o núcleo comarcal de Verdegaia-Vigo e a asociación Fontaíña queremos cartaz_presentacin.jpgconvidarvos á presentación do libro "Plantarse", con textos do contacontos Anxo Moure (O Carballo con Botas) e ilustracións de Irene Contreras. Plantarse é un libro-conto que nace da colaboración de Anxo Moure, Irene Contreras, Mónica Martínez e Tino Varela. Un froito do traballo colectivo, da imaxinación e da sensibilidade coa terra e os seus froitos. Está editado por 2Teixos.

Anxo Moure leva xa anos percorrendo os camiños, as vilas, os eidos, montes e praias de Galicia, como carballo camiñante sobre as súas botas ou montado nunha ciclobiblioteca, deixando contos sementados aló por onde vai. Sementados na terra, nas persoas pequenas e nas persoas grandes. Ten pasado xa por infindade de escolas para deixar que falen por el a Xacia Lubiñas, o lobo Garabelos ou Salgadiña, a estrela de Fisterra. Neste libro-conto dá voz a un agasallo que lle tiña feito Irene Contreras en forma de debuxos.

A presentación de Plantarse terá lugar na praia da Fontaíña, o vindeiro sábado 23 de xullo ás 11:00h. Durante este acto teremos tempo para aprender dos valores naturais dese espazo e para liberar a imaxinación a bordo dos contos de Anxo e os debuxos de Irene.

Vémonos pois o sábado e recordade traer gorro se ao sol lle dá por picar forte.
 
 
cartaz_presentacin.jpg