im001063.jpgA caótica situación do tráfico nas nosas cidades e vilas reflicte a total ausencia de iniciativa por parte das distintas administracións para afrontar dun xeito decidido unha mudanza dos nosos hábitos de transporte, mudanza imprescindíbel para paliar as severas consecuencias ambientais, económicas, sociais e sanitarias do actual modelo de transporte, tanto urbano como interurbano.

A Estratexia Europea de Desenvolvemento Sostíbel (Consello Europeo de Goteburgo, 2001) establece que "unha política de transporte sustentábel debería facer fronte ás crecentes intensidades de tráfico e niveles de conxestión, ruído e contaminación, e fomentar o uso dos modos de transporte menos agresivos co medio ambiente, asi como a plena internalización dos custes sociais e ambientais. É necesario actuar para conseguir unha disociación significativa entre o crecemento do transporte e o do PIB, en particular mediante o troco modal da estrada ao ferrocarril, o transporte marítimo e o transporte público de viaxeiros". Xusto o contrario do que están a facer as administracións galegas como demostra o Plan Move.

A construción de máis infraestruturas para o tráfico rodado, só pode supoñer o seu incremento polo denominado "efecto chamada": a desconxestión que supón a apertura dunha nova infraestrutura invita ao seu uso por un número cada vez maior de usuarios que antes optaban por outras alternativas, chegando nun horizonte de 15 anos novamente a niveis de saturación importantes. A propia UE no seu informe Transport 2000 recoñecía que que a maioría dos países europeos tiñan sobordado o punto no que calquera incremento do tránsito resulta contraproducente: a suma de efectos negativos anula os posíbeis beneficios. Así mesmo, no Green Book of Urban Environment, afirma que "unha vez construídas as infraestruturas, o tráfico aumenta até atinxir de novo os anteriores niveis de conxestión".

Perante esta situación, Verdegaia esixe medidas contundentes e eficaces para conseguir reducir os impactos negativos da mobilidade entre as que demanda aplicar as seguintes medidas

1.                  A elaboración de Planos de Mobilidade Sostible cando menos en cidades medias e grandes. Son imprescindíbeis plans a longo prazo e coordinados entre as diferentes administracións para evitar a realización parciais ou sen continuidade e promover un auténtico cambio nos patróns de mobilidade.

2.                  A mellora do transporte público, en cantidade e calidade: mellora de frecuencias, ampliación de horarios (incluídos nocturnos), billetes combinados, implantación de carrís-bus, prioridade semafórica, etc.

3.                  O establecemento de servizos de ferrocarril de proximidade que una as principais cidades galegas axeitadamente dimensionado en horarios e capacidade, e o tranvía/metro lixeiro nas cidades de maior dimensión.

4.                  A implantación dunha rede básica de vías ciclistas, formada por estradas, vías ciclistas, rúas tranquilas e  espazos seguros compartidos con outros medios de transporte, para dar continuidade e seguridade ao desprazamento en bicicleta. Estacionamentos para bicis ou acceso en bicicleta ao transporte público serían outras medidas que facilitarían a universalización dun modo de transporte que como mostra a experiencia de moitas cidades, non é só para lugares chans ou pouco chuviosos. A creación dun carné de usuario a nivel galego para acceder a todos os servizos municipais de aluguer de bicicletas no noso país facilitaría enormemente a combinación transporte público colectivo e bicicleta.

5.                  Medidas para calmar o tráfico, como limitar a velocidade a 20-30 km/h nos barrios, dando prioridade a peóns e ciclistas, realizando itinerarios sinuosos para os coches, colocando bandas elevadas na calzada,….

6.                  Fomento da peonalidade, con medidas como a creación de redes de itinerarios peonais, a ampliación de beirarrúas, o establecemento de pasos de peóns seguros e amplos en tódolos cruzamentos ou o aumento dos tempos de paso semafóricos.

7.                  Nova concepción do desenvolvemento urbanístico, freando a dispersión e a segregación de usos. As cidades teñen que recuperar a súa escala humana, na que a proximidade dos servizos sexa a característica principal, baseada na descentralización. Un lugar é máis accesíbel canto menos distancia haxa para chegar a el. A creación de proximidade é o piar básico da mobilidade sustentábel.

Estas medidas deben vir acompañadas de medidas disuasorias como

8.                  Moratoria na construción de infraestruturas de transporte pensadas para o automóbil: autovías, autoestradas, túneis, etc. Estas custosas infraestruturas estimulan o uso do coche de tal xeito que en pouco tempo se anulan os seus efectos positivos sobre a conxestión do tráfico. Deberían ser a derradeira solución, e non a primeira, como acontece hoxe.

9.                  Restrición do acceso do automóbil ás cidades: eliminación de prazas de estacionamento no centro e creación de estacionamentos disuasorios na periferia, implantación de parquímetros, prohibición de entrada a determinado tipo de vehículos, etc. Mesmo se debería estudar a implantación de  peaxes urbanas cuxa recadación se investise no transporte público, como xa están a facer algunhas cidades en Europa e suxire o Plano estatal para cumprir o Protocolo de Quioto.

10.              Medidas fiscais: taxa sobre o litro de combustíbel, imposto de circulación progresivo en función do tamaño e consumos do automóbil, eliminación do IVE no transporte público e na venda de bicicletas.

 

Mellorar a nosa mobilidade supón desprazármonos moito menos en coche e moito máis en bicicleta, camiñando ou en transporte público. As distintas administracións públicas deben adoptar todas as medidas tendentes a fomentar esta mudanza, mais a cidadanía debe asumir tamén a súa cota de responsabilidade na elección do modo de transporte máis axeitado para cada desprazamento, tendo en conta os aspectos ambientais, de eficacia, de eficiencia e económicos. Só así poderase dar unha mudanza dos hábitos de transporte progresiva e ordenada antes de que o progresivo esgotamento do petróleo obrigue a facelo de xeito inmediato e caótico