Cinco organizacións ecoloxistas, entre elas Verdegaia, acordaron un posicionamento común perante o proxecto de construción dun polígono industrial dedicado ao tratamento de residuos en Carballeda de Avia. 

Perante a iniciativa de instalación en Carballeda de Avia dunha infraestructura de tratamento de Residuos denominada "Parque medioambiental", os grupos ecoloxistas abaixo asinantes REXEITAMOS este proxecto por:

  • Falta de planificación previa sobre o tratamento de Residuos Urbanos e Industriais a nivel galego (nova Lei Galega de Residuos e Planos Galegos de Residuos Sólidos Urbanos e de Residuos Industriais).
  • Pésima política informativa da administración con continuas declaracións e propostas distintas e mesmo contradictorias.
  • Pola súa proximidade aos núcleos de poboación sitos a menos de 2000 metros, pola súa posíbel afectación aos recursos hídricos e pola falta dun estudo previo para outros posíbeis emprazamentos.
  • Porque a día de hoxe seguimos sen saber a natureza, procedencia e volume dos residuos e as técnicas que se van usar para o seu tratamento.
  • Rexeitamos nese emprazamento a posibilidade de levar Residuos tóxicos e perigosos como disolventes, aceites industriais ou ácidos e bases.

Porén, APOIARÍAMOS plantas de tratamento para a xestión de residuos, sempre e cando cumprisen os seguintes criterios:

  • Estivesen enmarcadas nun modelo de xestión no que prime a Redución.
  • Estivesen baseadas en sistemas de tratamento que exclúan a incineración (incluído plasma ou pirólise).
  • Que se escollan os emprazamentos máis axeitados para garantir a saúde ambiental e cidadá en función do residuo a tratar, e non ao revés.

Finalmente, os grupos abaixo asinantes manifestan o desexo de que a xestión dos residuos deixe de ser empregada como ferramenta partidista e que pase a ser considerado un dos piares básicos dunha sociedade galega sustentábel.

ASINAN: Verdegaia, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Coto do Frade, Amigos da Terra, ADEGA