A maior parte da regulación de residuos en cada estado da UE decídese a nivel europeo. A UE está revisando  a súa  normativa de residuos. Friends of the Earth puxo en marcha unha ciberacción para presionar ao Parlamento Europeo a prol dunha maior prevención na produción de residuos, reutilización, reciclaxe e compostaxe. Participa!

En Europa temos a responsabilidade de empregar os nosos recursos do xeito máis eficiente posible, e de minimizar os nosos impactos sobre o cambio climático. Xerando menos residuos, reciclando máis e evitando a práctica de “usar e tirar”, podemos reducir a cantidade de recursos que necesitamos, co conseguinte aforro enerxético. Alén diso, o tratamento dos residuos mediante vertedoiro ou incineración xera gases de efecto invernadoiro, así como outros impactos negativos para o medio.

A xuízo das organizacións ecoloxistas, a nova normativa europea debería ter como obxectivo prioritario a prevención de residuos, e en segundo lugar apostar por unha redución progresiva dos residuos cuxo único destino é a eliminación (é dicir, aqueles que non poden ser reutilizados, reciclados ou compostados). Por iso, demándanse novas medidas legais para prevenir os residuos, unha redución progresiva do vertido e incineración de cualquera material susceptible de ser reutilizado, reciclado ou compostado, e non considerar as incineradoras como recuperadoras, cando realmente se trata dun método de eliminación.

Súmate agora á ciberacción!

Máis ciberaccións na sección Ciberactúa! da nosa web.