Unha das misións de Verdegaia é contribuír desde Galiza ao avanzo na transformación social e mundial en termos de sustentabilidade ecolóxica, xustiza social e paz. Por iso, diante do debate que xurdido nestes días en torno ao financiamento da sanidade e a súa privatización, Verdegaia non pode mirar para outro lado.

Coa privatización, a universalidade do servizo sanitario da que gozamos todas as persoas que poboamos Galiza, un dos maiores avanzos cara a xustiza social acadados, podería verse en perigo. As persoas con maiores necesidades sociais, empobrecidas, en risco de exclusión ou inmigrantes sen documentaciónpoderían verse aínda máis excluídas do que están. A privatización do sistema de saúde vai en contra de toda a cidadanía, mais afectará máis gravemente ás persoas que precisanmáis coidados, de xeito que a súa orientación ao mercado aumenta a exclusión social e as súas consecuencias na saúde. Así queda reflectido nas investigacións coñecidas como Lei de Coidados Inversos, publicados na revista Lancet, que di que "o acceso á saúde de calidade diminúe en proporción inversa á necesidade da poboación e iso cúmprese máis intensamente, onde as forzas do mercado son máis intensas."1

O proceso de privatización da sanidade pública implicará unha diminución de centros e consultorios nun país como o noso que xa é a Comunidade (despois de Madrid) onde menos densidade de centros de saúde e consultorios hai por zonas básicas de saúde. Isto fai que a accesibilidade, medida como distancia ao medico de cabeceira, sexa das máis grandes de España. A realidade poboacional galega que suma ao envellecemento unha grande dispersión territorial dificultará aínda máis o acceso á sanidade, agravando paralelamente o o problema ambiental máis grave que temos que afrontar nos vindeiros anos que é o cambio climático. Unha verdadeira rede de sanidade pública debe achegar os servizos ás persoas facilitando a ser posíbel o seu acceso por medios non motorizados, namentres que a privatización significará sen dúbida a opción contraria, obrigar a desprazamentos longos para achegarse aos servizos.

O absurdo de todo isto é que a calidade dos servizos médicos prestados por institucións con ánimo de lucro é menor que o previsto por institucións sen ánimo de lucro2. Entre moitos outros indicadores de calidade foron estudados: 1) a cualificación do persoal das institucións, 2) o número de complicacións no tratamento clínico, 3) a utilización de medidas que restrinxen a mobilidade dos pacientes (como sobredose de analxésicos), que diminuísen súas demandas de atención, e 4) as violacións dos regulamentos do goberno para garantir a calidade dos servizos. En cada un destes indicadores de calidade, as institucións con ánimo de lucro foron moi lonxe das institucións públicas. A proba da diferenza de calidade entre as dúas institucións tamén é esmagadora noutros estudos que analizaron a asistencia hospitalaria e outros servizos, como os servizos de diálise externa. A mortalidade (para o mesmo tipo de enfermos) é maior nas institucións de fins de lucro que en aquelas que non teñen ese desexo.

Porque non podemos permitir que a Sanidade Pública se torne nun negócio que beneficie a uns poucos em detrimento da saúde de todos, Verdegaia adhírese ao manifesto pola Sanidade Pública, e apoia a manifestación en defensa da Sanidade Pública que sairá da alameda vindeiro domingo día 21 ás 12 do mediodía.

 ——————————————————–

1Hart JT. The inverse care law. Lancet. 1971;I:404-12. Citado en http://www.caritasalamanca.org/uploads/media/F_1831_Atencion_primaria_politica_sanitaria_y_exclusion_01.pdf

2Segundo un estudo publicado pola revista médica británica British Medical Journal (Quality of care for profit and not for profit nursing homes, 2009, vol. 339) e citado por Vicenç Navarro en http://blogs.publico.es/dominiopublico/1504/%C2%BFsanidad-publica-o-privada/