Entre os días 6 e 15 de Xullo celébrase no Grande Hotel da Toxa (grupo Hesperia), como desde hai décadas, o “Campeonato de España de tiro al vuelo” tamén coñecido como “tiro ao pombiño”. Verdegaia rexeita a celebración desta competición cruel e contaminante, demanda a súa prohibición e apoia a campaña promovida neste sentido polo Colectivo Ecoloxista do Salnés.

No campo de tiro da Toxa reuniranse ducias de persoas armadas con escopetas, diante das cais serán soltadas crias de pomba coa cola mutilada. A competición consiste en disparar aos torpes pombiños. Para alén de ser unha actividade absurda e cruel, o campionato é unha fonte de contaminación das augas do contorno.

No campionato utilizouse, e utilizarase tamén este ano, munición de chumbo. O campo de tiro da Toxa está situado no límite da enseada do Bao, corazón do complexo intermareal Umia-Ogrobe e do Complexo Ons-Ogrobe (Rede Natura 2000). O humidal é ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) e está protexido pola convención RAMSAR.

Durante a competición, milleiros de perdigóns de chumbo van parar ás augas do humidal, contaminándoas. Muitas aves, ademais, inxeren os perdigóns ao confundilos con area grosa, intoxícandose e morrendo de plumbismo. Por esta razón está prohibida a utilización de munición de chumbo nos humidais.

O Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES) leva anos a protestar contra o campionato. Van dous de avisos administrativos ao Hotel e, nesta ocasión, a Consellaría do Ambiente e a Subdelegación do Goberno estiveron a piques de prohibir o “tiro ao pombiño”, mais finalmente botáronse atrás coa condición de que o Hotel cumpra a lexislación, algo que non vai facer, por exemplo, no referido á munición de chumbo.

Sábado 14 de Xullo, ás 12:00 horas, no paseo marítimo de Ogrobe, xunto á ponte da Toxa, o CES convocou unha concentración para reclamar:

  • Que a Xunta de Galiza prohíba o tiro ao pombiño, ao igual que xa se fixo en Cataluña
  • Que os promotores do campionato se fagan cargo da limpeza dos milleiros de perdigóns acumulados no areal, especialmente na zona intermareal
  • Que as administracións competentes vixíen o cumprimento estrito das leis ambientais e de seguranza