Verdegaia presentou unha solicitude de paralización dun circuito para quads na parroquia da Saínza, pola súa proximidade ás Veigas de Ponteliñares e da ZEPA da Limia.

A Verdegaia non lle parece aceptable que unha zona cunha declaración de zona Z.E.P.A. aínda por rematar de facer e de regular, pero xa aceptada como zona de ampliación e onde se encontra o LIC Veigas de Ponteliñares, sexa utilizada para facer un circuito de quads, vehículos que soamente provocan contaminación atmosférica e acústica, ademais de afondar nun tipo de lecer insostible en contra do que se debería intentar acadar nunha zona como a Limia: turismo sostible, agricultura ecolóxica, recuperación das zonas degradadas e, por suposto, conservación do que aínda está en bo estado de conservación desde un punto de vista da biodiversidade e da sostibilidade.

Se a todo isto lle engadimos diversos proxectos como a concentración parcelaria de Guillamil-Sabariz e Parada de Outeiro e aumento de explotacións intensivas de animais, veremos que non camiñamos cara á sostibilidade e a recuperación da zona, senón, ao contrario, cara á súa degradación final se non a coidamos. 

Por isto, Verdegaia presentou este escrito na delegación de Ourense de Medio Ambiente e na de Medio Rural:

 

xxxxxxxxxxx, con DNI xxxxxxxx, con enderezo para os efectos de notificación en xxxxxxxxxxxxxxxxxxx, en calidade de xxxxxxxxxxxxxxxxxxxxx da asociación ecoloxista Verdegaia e na súa representación

 

EXPÓN:

 

Que as Veigas da Limia son unha zona con importantes valores naturais que xa merecen a protección de L.I.C. no caso das Veigas de Ponteliñares e que levaron á Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia a incluílas dende Ponteliñares a Casas da Veiga na proposta inicial e na proposta de revision da futura Z.E.P.A. (Zona de Especial Protección para as Aves) “A Limia”.

 

Que na actualidade preténdese facer un circuito para vehículos todoterreos e quads na parroquia da Saínza dentro dos límites da zona anteriormente citada para ser incluída dentro da futura Z.E.P.A. “A Limia”.

 

Que a correcta planificación do territorio para acadar unha debida conservación dos valores que pretende protexer a futura Z.E.P.A. “A Limia” non admite a ubicación dun circuito de vehículos todoterreo e quads dentro dos límites desta futura zona protexida.

 

Por todo isto,

 

SOLICITA:

 

Que non se permita a realización dun circuito de quads e todoterreos dentro dos límites propostos pola Consellaría de medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para a futura Z.E.P.A. “A Limia”.

 

Que se prohíba a circulación de quads dentro dos límites propostos pola Consellaría de medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para a futura Z.E.P.A. “A Limia” debido ó seu grave impacto auditivo no ecosistema.