Tres anos despois de que o Protocolo de Quioto se tornase vinculante, comeza en 2008 o período de cumprimento do tratado, que finalizará no 2012. Hai poucos estados que se teñan preparado ben para iso. Desde logo non o Estado español, xa que é o líder dos estados incumpridores da UE, en boa medida, pola lei do sector eléctrico. En Galicia, este sector representa  nada menos que un 40 % das emisións totais.

O 16 de Febreiro de 2005 entrou en vigor o Protocolo de Quioto. É o único tratado internacional de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, establecendo un obxectivo moi modesto: unha redución das emisións dos países industrializados do 5% do que emitían en 1990, e debe ser atinxida entre 2008 e 2012. No mundo, as emisións destes "gases de Quioto" medraron un 24% entre 1990 e 2004. A maior parte delas é CO2 e provén da xeración de enerxía e o transporte terrestre.  Malia a recente e rechamante achega de China ás emisións mundiais, seguen tendo un grande peso as dos países industrializados, que xa acadado un alto nivel de desenvolvemento aumentaron un 11% as súas emisións no devandito período. Galicia incrementou as súas emisións un 30%, manténdose entre os países con maiores emisións por habitante.

A UE-15, que ratificou en bloque o Protocolo, só tiña reducido en 2005 o 1,5% das súas emisións, mais deberá chegar nestes próximos catro anos a reducilas até o 8%. Esta é unha tarefa que algúns estados se toman en serio: Suecia, Reino Unido, Alemaña, Finlandia e Francia van camiño de atinxir o obxectivo de redución que lles corresponde.

O liberalizado sector eléctrico afástanos de Quioto

Como lembra Ecologistas en Acción, as emisións do Estado español en 2007 volveron  subir, situándose entre un 51 e 52% por riba das de 1990, cando  o obxectivo de Quioto é limitar o aumento de emisións ao 15%. Entre as principais causas desta suba cítase o consumo eléctrico, dado que boa parte da demanda foi satisfeita con carbón, o combustible máis produtor de CO2, porque a seca diminuiu a dispoñibilidade de xeración hidráulica e o prezo do gas (o "limpo" gas) manteu paradas a moitas centrais de gas en ciclo combinado. Así que primou a rendibilidade empresarial fronte ao cumprimento das leis, e nun sector en que os beneficios son escandalosos. A produción eléctrica con gas na España peninsular no ano pasado foi de 68.308 GWh, inferior á produción con carbón, que chegou aos 71.846 GWh.

Tal como é desde 1997 o marco legal eléctrico español, tremendamente liberal, non pode regularse o tipo de centrais que entran en funcionamento. O pouco que podía terse feito para influír sobre os criterios de mercado nos Planos de Asignación de Dereitos de Emisión non se aproveitou, pois repartíronse máis "bonos" gratuitos de emisión para o comercio intraeuropeo de CO2 ás centrais de carbón que ás de gas. Polo tanto, abarátase o seu funcionamento.

Nin sequera se aplicou a lexislación sobre os Teitos Estatais de Emisións para as Grandes Instalacións de Combustión para evitar que en 2005 se superase o teito para os óxidos de nitróxeno, o que tería implicado limitar o funcionamento das instalacións máis contaminantes.

O sector eléctrico é o principal emisor a nivel estatal e galego. Na nosa terra, aproximadamente a metade da xeración eléctrica procede do carbón. O sector eléctrico pode declarase enfrontado ao Protocolo de Quioto, tanto por un consumo insaciable como por criterios de xeración puramente lucrativos e ambientalmente pouco respectuosos.  Lamentablemente, o interese das eléctricas no uso do combustible máis contaminante, o carbón, encontrou un importante apoio tanto nos actuais como nos anteriores gobernos estatal e autonómico.

As emisións do sector transporte dispáranse

O segundo sector responsable das emisións en Galicia e no conxunto do Estado español é o do transporte, que aumentou as súas emisións desde 1990 en máis do 75% a nivel estatal, e que até hoxe non foi obxecto de ningunha política concreta para as limitar. Máis ben os esforzos foron dirixidos no senso contrario, como o caso do PEIT (Plano Estratéxico de Infraestruturas de Transporte), paradigma da insustentabilidade, que integra as infraestruturas previstas no chamado Plan Galicia.