Organizacións ecoloxistas de ámbito estatal, asturiano, galego e local rexeitan a política de comunicación coa sociedade da empresa NORFOR (Grupo ENCE) e materializan ese rexeitamento na negativa a participaren no encontro organizado pola empresa no seu centro loxístico de Ortigueira para o próximo día 23 de xuño, ao que algunhas destas organizacións teñen sido convidadas, entre elas Verdegaia. NORFOR non permite o acceso a documentación esencial para coñecer a súa xestión e con encontros como éste só pretende disfrazar a súa falta de transparencia.

NORFOR, filial forestal de ENCE, xestiona de forma directa aproximadamente 12.000 hectáreas de plantacións de eucalipto, en réxime de monocultivo, en Galicia, Asturias e Cantabria. Estas plantacións teñen suposto, polo menos nun grande número de casos, un importante dano aos ecosistemas, dado o seu carácter intensivo, con empobrecemento de solos, afeccións á cantidade e á calidade da auga e perda de biodiversidade, ademais de xeraren conflitividade social nas comunidades rurais das áreas onde a empresa realiza a súa actividade.

Dende outubro de 2004, NORFOR posúe a certificación do FSC (Forest Stewardship Council ou Consello de Administración Forestal) (1), un sistema no que a participación dos grupos interesados na xestión forestal e a transparencia viñan sendo norma. De acordo con este carácter aberto, calquera grupo interesado podía acceder a calquera aspecto da xestión dunha empresa, individuo ou grupo dedicados á actividade forestal que obtivesen o selo, agás aquela información que, polo seu interese económico, era loxicamente confidencial; isto era garantía de que a xestión non tiña nada que ocultar e calquera podía comprobar así que se cumprían os principios e criterios que ten establecido o FSC.

Mais NORFOR incumpre dende a concesión do seu certificado co principio de transparencia que daba ao FSC a credibilidade e a fiabilidade que facía do seu selo o único admitido por consenso de todos os sectores sociais, incluído o movemento ecoloxista. A pesar de se lle ter solicitado insistentemente, tanto a NORFOR como á empresa auditora responsable da súa certificación, SGS, éstas ocultan aspectos esenciais da xestión forestal que permitirían comprobar ás organizacións e persoas interesadas en qué medida se axusta aos principios que ten elaborado o FSC; ocúltanse elementos claves como a propia situación das parcelas ou o resumo do plano de xestión que a empresa está obrigada a facer público, segundo as normas do FSC.

Tamén é significativo que NORFOR non teña convocado a todo o movemento ecoloxista implicado, ou que non estean convidados grupos de Cantabria, onde NORFOR xestiona plantacións. Todo fai pensar que NORFOR non dispón dunha visión ampla do que é o movemento ecoloxista nas CC.AA. onde está presente.

Asociación pola Defensa da Ría (APDR), Greenpeace, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asemblea do Suído, Coordinadora Ecoloxista d’Asturies, Ecologistas en Acción, Federación Ecoloxista Galega (FEG) e Verdegaia.

Máis información:

Verdegaia súmase a FSC España