Ante a presentación no Concello de Ribeira do proxecto de Planta Satélite de Recepción, Almacenamento e Regasificación de Gas Natural Licuado, no monte de San Alberte, Verdegaia vén de solicitar aos partidos políticos da oposición municipal o seu posicionamento sobre o tema. Esta planta suporía a circulación continua de camións con gas licuado pola bisbarra para subministrar a planta, un produto áltamente inflamábel e moi perigoso como demostra o recente accidente na Toscana Italiana. Asemade, representa un dobre investimento para a mesma función xa que existe un proxecto en marcha para a construción dun gasoducto que subministre a Ribeira.

Nun escrito dirixido ao PSOE, BNG e IPR, pedímoslles que fagan pública “a súa postura con respecto á idoneidade da inminente instalación dunha planta de gas nunha parcela municipal preto da capela de San Alberte, habendo, como hai xa, un proxecto de gasoduto que traerá nun prazo razoable o gas natural á Barbanza –o que supón, nunha época de crise como a que atravesamos, un dobre investimento para unha mesma función-; e respecto aos perigos que para a poboación da bisbarra pode representar tanto a planta en si como o desprazamento diario de gas en camións polas nosas estradas. “

Ata o momento, que nós saibamos, ningún grupo político se ten manifestado sobre este tema. Consideramos que, dada a súa importancia para o noso Concello, sería desexable que a cidadanía coñecese a opinión de todos os sectores sociais e recibise algunha información que vaia máis aló da proporcionada polas edicións locais dos xornais.

A información fai ás persoas máis libres, e desde Verdegaia temos a certeza de que a maioría dos partidos políticos avogan pola liberdade consciente da cidadanía.

Verdegaia solicita, ademais, dos partidos citados, que “apoien a nosa petición de que se garanta —neste caso e en xeral— o acceso a toda a cidadanía á información, facilitándoa no formato dixital, a cal é imprescindible para traballar en equipo e contar coas achegas das distintas persoas especialistas”. Dende o Concello denegóusenos a información dese proxecto no citado formato.

Consideramos que, na práctica, estase a conculcar o dereito da cidadanía á súa participación para facer efectivos o dereito a un medio ambiente adecuado e o deber de conservalo. En Verdegaia traballa unha equipa multidisciplinar de persoas (biólogas, inxeñeiras, especialistas medioambientais, etcétera) que necesitan acceder dun xeito doado á información ambiental co fin de mellorala se fora preciso. Este traballo en grupo é de todo punto imposible sen ter acceso ao formato dixital. Non é de recibo que, a estas alturas do século XXI se nos queira facer crer que non se dispón do Proxecto nese formato; e moito menos que, dispoñendo del, se nos denegue.

Verdegaia, xa ten solicitado o amparo do Valedor do Pobo fronte ao Concello de Ribeira por unha actuación similar —cando estaba en exposición pública o gasoduto da Barbanza— e o Valedor xa reprobou en aquela ocasión a actuación do Concello.