Plano Estratéxico

2007-2010

Que é?

Porqué?

Fases

Cómo participar

Xuntanzas

Foro

Correo-e

No proceso constitutivo de Verdegaia, e no traballo desenvolvido dende entón, faise moito fincapé na coordenación e na planificación como xeito de evitarmos desbaldir esforzos e acadar un alto nivel de eficacia e eficiencia na xestión dos recursos que temos actualmente ao noso dispor, así como para dotar de rigor e coherencia á nosa actividade. A importancia desta cualidade reflíctese na súa inclusión dentro dos Principios de Organización e Traballo aprobados na Asemblea Constituinte.

A necesidade de poñer en marcha administrativa e organizativamente a Asociación aconsellaba non enfrontarmos un proceso estratéxico de planificación inmediato senon desenvolver durante o 2006 un plano operativo que permitira establecer o funcionamento básico e comezar a encaixar as pezas da engranaxe de Verdegaia.

Unha vez realizado este proceso cómpre ir máis aló e comezar a pensar no futuro a medio prazo de Verdegaia.

Aquí comezamos este proceso de reflexión que precisa da implicación intensa das socias e socios de Verdegaia que poderán participar neste proceso ben asistindo as xuntanzas monográficas en cada Núcleo Comarcal, como a través do Foro ou achegando as suxestións que considere premendo aquí.

Ao longo deste proceso avaliaremos a nosa situación actual tanto dende o ponto de vista interno como da nosa inserción no tecido social onde desenvolvemos a nosa actividade. Tamén definiremos a imaxe de referencia sobre como desexamos que sexa a asociación no ano 2010 e proporemos liñas estratéxica para podremos realizar este desexo. O proceso rematará coa elaboración dun Plano Estratéxico de 3 anos de duración que deberá se aprobar na Asemblea xeral Ordinaria de marzo do 2007.

QUE É UN PLANO ESTRATÉXICO?

Para coñecer máis polo miudo as características e fases do procedemento de planificación estratéxica podes descargar o documento A planificación estratéxica e a planificación operativa: características e procedementos  elaborado a partir do libro Planificación Estratéxica: Guía para entidades sin ánimo de lucro, coordenado por Luís Cámara e editado por Cindeal.

PORQUÉ UN PLANO ESTRATÉXICO?

Calquera proceso de planificación estratéxica supón un cuestionamiento sobre a razón de ser e o sentido último da asociación, así como da utilidade do traballo que facemos dentro dela. Pensar estratexicamente obríganos a facernos preguntas básicas en relación co que somos na actualidade e o que queremos ser no futuro, sobre onde estamos agora e onde queremos chegar, como queremos logralo e que debemos facer para acadalo. Verdegaia ten nove meses de actividade polo que é un momento acaido para promover esta reflexión, correxir posíbeis erros e disfuncións e tomarmos un novo impulso.

FASES DO PROCESO E CALENDARIO PREVISTO

A implicación activa da asociación neste proceso esixe desenvolvelo ordeadamente e cun calendario definido. 

Fase I. Definición da MISIÓN da Asociación .

O enunciado da misión establece o obxectivo principal de Verdegaia, aquelo que xustifica a súa existencia. Esta fase desenvolvémola no proceso constituinte e aprobamos a definición da Misión na Asemblea de abril de 2006.

Fase II. Formulación da VISIÓN da Asociación

A visión dunha asociación trata de describir a realidade da asociación que se desexa ter no futuro. É unha imaxe guía do éxito da asociación. Neste senso, a visión reflexa un conxunto de aspiracións, soños ou esperanzas da asociación no longo prazo, neste caso o 2010. A Visión integrarase no imaxinario colectivo da asociación e marcará a meta cara a que orientará a súa actividade Verdegaia.

Esta visión será un texto sintético de entre un e catro parágrafos que recollerá as aportacións realizadas no proceso. 

Esta fase rematará o 25 de xaneiro de 2007

Fase III. Avaliación da situación actual e do desenvolvemento da asociación no seu primeiro ano. 

Ademáis de saber a onde queremos chegar, cómpre saber de onde partimos, para logo definir os pasos a dar até chegar a realizara visión que formulamos. É  dicir, analisar e avaliar a realidade actual de Verdegaia nas súas dúas facianas:

  • A situación de Verdegaia no referente ao seu entorno: contexto asociativo, movemento ecoloxista, percepción social, medios de comunicación, etc

  • A situación interna da asociación. Na análise dos aspectos internos da asociación compre avaliar a  estrutura organizativa e funcional, procesos de toma de decisión, aspectos culturais, de poder, comunicación interna, etc. 

Esta fase desenvolverase en paralelo á fase II e ten o mesmo horizonte temporal: o 25 de xaneiro de 2006.

Fase IV. Determinación de obxectivos e estratexias.

Os obxectivos derívanse tanto da formulación da visión como dos resultados da diagnose realizada na Fase III. Tras selecionar os obxectivos cómpre estudar as estratexias precisas, posíbeis e máis convenientes para acadalos. As estratexias son as vías ou enfoques posíbeis para acadar os obxectivos. Respostan á pregunta ¿COMO?.

Fase V. Planos de acción anuais.

Unha vez feitas as formulacións estratéxicas cómpre comezar a preparar os planos operativos, polo xeral de periodicidad anual, recollendo os pasos practicos que desenvolverán as estratexias definidas con anterioridade.

Fase VI. Sistema de seguimento e avaliación

O plan estratéxico deberá  incorporar metodoloxías de seguimiento e avaliación das estratexias e medidas propostas. 

As fases VI e V rematarán o 28 de febreiro de 2007 

Fase VII. Redacción e aprobación do Plano.

Coas conclusións recollidas en cada unha das fases elaborarase o Plano que será sometido na á consideración do conxunto da militancia naAsemblea Xeral Ordinaria prevista a finais de marzo. 

COMO PODO PARTICIPAR?

Podes facelo a través das seguintes canles:

Xuntanzas presenciais

En Vigo. 16 de xaneiro ás 21:00. Farémola no local social Caleidoskopio (A Cova dos Ratos). rúa Romil, 3-baixo (Vigo) 

En Ferrol. 18 de Xaneiro ás 19:30 h. Local da Asociación Virus Hermenéutico, Facultade de Humanidades.  R/ Dr. Vázquez Cabrera, s/n. (Campus de Esteiro) Ferrol.

En Compostela. 20 de xaneiro, ás 11:00 no Centro Socio Cultural A Trisca 

Seguindo as fases do proceso, os distintos borradores debatiranse tamén nas xuntanzas comarcais ordinarias

Foro de debate

Premendo aquí e inscribíndote no Foro de Verdegaia. Este é un foro pechado, esclusivamente para socios e socias de Verdegaia. Comprobarase a pertenza a asociación antes de dala alta polo que pregamos usedes o voso nome e o correo-e co que recibides a información da asociación no proceso de alta.

Contacto-e

Premendo aqui podedes enviar as vosas achegas e suxestións. 

PARTICIPA!