Verdegaia apresentou alegacións en plazo e forma ó Plano Director da Rede Natura 2000 (P.D.R.N. 2000) perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia. Ó entender da nosa asociación, o P.D.R.N. 2000 é un documento que chega con retraso, sen apenas tempo para poder consultar os milleiros de páxinas que o conforman, sacado a exposición pública no verán, despois de terse aprobado outros documentos que condiocionan a este Plano, sen ampliar a Rede Natura 2000 en Galicia até as porcentaxes do resto do Estado Español polo que solicitamos a inclusión de novos espazos e cunha idea moi negativa do que é un espazo protexido da Rede Natura 2000 ó permitirse case que todo tipo de usos contrarios á conservación dos numerosos e valiosos valores naturais que albergan.

En primeiro lugar cómpre lembrar que o P.D.R.N. 2000 tiña que estar aprobado como data límite en decembro de 2010 mais ningún dos tres gobernos que pasaron pola Xunta de Galicia nos seis anos que a Unión Europea deu de prazo para ter aprobado este importante documento foi quen de acadar este obxectivo en tempo e forma. Fai uns días que acaba de rematar o prazo de exposición ó público do documento polo que a súa aprobación definitiva aínda se retrasará uns meses.

En segundo termo hai que dicir que a Dirección Xeral de Conservación da Natureza fixo ouvidos xordos á petición de varios grupos ecoloxistas e naturalistas galegos de que se ampliara o prazo de participación pública para poder realizar alegacións a un documento que ten milleiros de páxinas, innumerables mapas e unha información complexa de analizar. Ademais, como noutros moitos casos, a Xunta saca a exposición pública este documento no verán cando moitas asociacións case que non teñen actividade e moitas persoas desfrutan das súas vacacións. Aquí se ve o interese que ten a Xunta de Galicia en permitir e fomentar que a cidadanía participe na vida pública galega.

En terceiro lugar cómpre analizar en que momento da lexislatura sae a exposición pública este documento: cando se teñen aprobado outros documentos que o afectan de pleno como as Directrices de Ordeación do Territorio, o Plano de Ordeación do Litoral, o Plano acuícola ou o Concurso eólico. Como sempre, a protección dos espazos naturais queda para o final coas graves consecuencias que esto ten para a conservación dos numerosos e valiosos valores naturais que albergan os espazos protexidos da Rede Natura 2000, neste caso.

En cuarto termo cómpre salientar que Galicia segue estando á cola das autonomías do Estado Español no que respecta á superficie da Rede Natura 2000 só por diante de Ceuta e Melilla. Dende a nosa asociación pensamos que esta foi unha oportunidade perdida por parte da administración autonómica de incrementar a superficie protexida de L.I.C. e Z.E.P.A. en Galicia. Aínda así, dende Verdegaia solicitamos que se ampliara a superficie protexida do L.I.C. Gándaras de Budiño (ES 1140011) e que se incluísen os espazos naturais das Serra da Groba e Serra do Galiñeiro xa que albergan hábitats prioritarios e de interese comunitaria e especies catalogadas nos anexos II e IV da Directiva Hábitats (92/43/CEE) e pese a que o propio documento de síntese expoña "A correcta identificación e xeorreferenciación dos elementos máis significativos do patrimonio natural é un factor clave de cara á avaliación ambiental do territorio, e por tanto dos lugares da Rede Natura 2000."

En último termo hai que sinalar que a concepción da Dirección Xeral de Conservación da Natureza do que é un espazo protexido da Rede Natura 2000 é moi negativa ó permitirse case que todo tipo de usos contrarios á conservación dos numerosos e valiosos valores naturais que albergan. Entre os usos permitidos están as plantas de acuicultura, a caza, os recheos, portos deportivos, concentracións parcelarias, repotenciación, modificación, modernización ou ampliación dos aproveitamentos industriais de enerxía eólica, … que aínda que se teñan que autorizar pola administarción autonómica, sabemos que na maior parte dos casos se van levar a cabo.

Atendendo polos obxectivos do documento, dada a zonificación que se pretende instaurar na Rede Natura 2000 en Galicia con só tres tipos de zonas (Zona 1 Área de Protección, Zona 2 Área de Conservación e Zona 3 Área de Uso xeral) e os usos e medidas de xestión propostos neste Plano Director, os obxectivos que se propón o mesmo non se poden cumplir.

No tocante á zonificación dos espazos da Rede Natura 2000 en Galicia botamos en falta unha zona de reserva integral onde non se podan levar a cabo actividades diferentes á conservación. O propio plano di "As zonas propostas constitúen unha adaptación das designadas no Plan Director de Parques Nacionais, adaptadas ás características territoriais, socio-económicas e aos valores de conservación da Rede Natura 2000 en Galicia." Non entendemos como se teñen en conta os "valores de conservación" coa zonificación proposta pola Xunta na que non hai nen un milimetro exento de usos humanos.

Con respecto ás medidas de xestión permítese con autorización a introducción de Organismos Modificados Xeneticamente e o emprego de biocidas e nalgúns casos a introducción de especies alóctonas, feitos que non se deberían permitir baixo ningún concepto. Ademais, e como xa se explicou anteriormente, permítense numerosos usos contrarios á conservación dos valores naturais que a Rede Natura 2000 en Galicia ten que preservar.