alakrana.jpgA confederación estatal Ecologistas en Acción solicitou unha investigación á Comisión Suroccidental da FAO, para que se analisen os motivos dos actos de piratería realizados sobre a frota pesqueira estranxeira.

A piratería somalí é moi probable que teña orixe na sobreexplotación dos seus recursos, o cal non xustifica as súas actuacións criminais, así como na continua situación de inestabilidade política que sofre o país, na que tanto Occidente como os Señores da Guerra, xogan un papel de grande relevancia.

Se se analisan os datos, obsérvase que en 1990, antes da caída do réxime de Siad Barre, a pesca en Somalia achegaba o 2% do Produto Interior Bruto nacional e a agricultura un 50% (FAO, 2008). Alén diso, segundo o Grupo de Supervisión para Somalia (GSS) da ONU, a pesca era unha das fontes principais de ingresos, xerando arredor de 20 millóns de dólares anuais, unhas 300.000 toneladas de peixe e 10.000 toneladas de marisco, incluídos atún, tabeirón, langosta e camarón, que teñen fácil exportación (ONU, 2005).

Ademais, o GSS xa alertou no ano 2007, que existía unha continuada sobreexplotación dos recursos pesqueiros da Zona Económica Exclusiva (ZEE), que corresponde ao Estado somalí, por parte de navieiras pesqueiras internacionais.

Neste mesmo sentido, a propia Comisión Europea estima nun informe emitido no ano 2007, que máis do 50% do total das capturas en Somalia, Liberia e Guinea Conakry son practicadas de xeito ilegal.

Por todo iso, Ecologistas en Acción acha que o problema da piratería en Somalia, é, tamén, un problema de Soberanía Alimentar, Débeda Ecolóxica e Solidariedade entre pobos. Por este motivo, a organización ecoloxista emitiu unha carta solicitando un estudo independente á Comisión Suroccidental para as Pesqueiras do Oceano Índico (SWIOFC, siglas en inglés) da FAO, que analise a orixe, situación actual socioeconómica, unha avaliación xeral dos ecosistemas e caladoiros da zona, así como o impacto da frota estranxeira.

Asemade, Ecologistas en Acción insta á Unión Europea a que realice unha profunda análise das zonas de pesca dos mares de Europa, aproveitando a actual revisión da Política Común de Pesca (PCP), que culminará no ano 2012, a fin de que reestruture a súa frota, co principal obxectivo de acabar co desbaldimento dos recursos mariños, a situación de sobrepesca que sufren a maior parte das especies mariñas de interese pesqueiro e  a perda de biodiversidade á que foron sometidos os seus caladoiros, tal e como recoñece o Libro Verde da Reforma da Política Común de Pesca. Todo iso, coa finalidade de que abandone paulatinamente a súa presenza masiva a través da pesca industrial na maioría de caladoiros de todo o mundo.

Desde Ecologistas en Acción, advírtese á Comisión Europea e ao Goberno español, que a única forma de garantir a subsistencia da industria pesqueira europea é apostando por unha industria de estrutura familiar, cooperativista, de coñecemento ecolóxico sobre os ecosistemas, hábitats e poboacións que desenvolven a súa actividade.

Para a organización ecoloxista, neste momento no que chegamos á maior poboación con fame no mundo, a soprepesca dos países do Norte nos bancos pesqueiros dos países do Sur, resulta un acto de inxustiza e inmoralidade que debe pararse inmediatamente.