Por iniciativa da Alianza Galega polo Clima -constituída hai 3 meses por Amigos da Terra, Greenpeace e Verdegaia- diversas organizacións sociais e plataformas cidadás galegas asinaron un manifesto baixo o lema "Sustentabilidade e xustiza contra a crise climática". Coincidindo coa recta final do Cumio do Clima de Copenhague, estas organizacións demandan a nivel internacional e galego a adopción de accións efectivas para previr unha mudanza climática catastrófica.

As organizacións asinantes, conscientes de que a crise climática é moito máis preocupante que a actual crise económica, súmanse á reivindicación dun "novo acordo climático vinculante, xusto e ambicioso que comprometa aos países industrializados a reduciren as súas emisións en polo menos un 40% para 2020 (logrando cando menos as tres cuartas partes desa redución con medidas dentro do seu territorio) a respecto dos niveis de 1990. Para 2050, as emisións mundiais deberán reducirse polo menos nun 80%, co que as dos países industrializados deberán ser próximas a cero".

"Como parte do mundo enriquecido, Galicia é corresponsable do maior problema socioambiental global". As emisións por habitante de gases causantes do cambio climático son superiores non só ás emisións medias mundiais senón mesmo ás da Unión Europea. A principal responsabilidade de que isto sexa así é de gobernos e empresas, polo que as organizacións sociais demandan "á Xunta, aos Concellos, ás forzas políticas e ás empresas que actúen para salvar o clima". Para iso, propoñen as seguintes medidas:

  • Aprobar un Plan Galego de Acción Fronte á Mudanza Climática  que procure, como mínimo, unha redución do 30% das emisións en 2020 a respecto de 1990.
  • Desenvolver un Programa de Aforro e Eficiencia Enerxética que atinxa en 2020 unha diminución mínima, en termos absolutos, do 20% do consumo de enerxía a respecto dos niveis de 2005.
  • Pechar as centrais térmicas de carbón das Pontes e de Meirama e aprobar un Plan de Enerxías Renovables para que Galicia cubra o antes posible, e non máis tarde de 2050, o 100% das súas necesidades de servizos enerxéticos con enerxías renovables.
  • Establecer unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas mentres non se aprobe un Plan Director de Transporte e Infraestruturas sustentable, capaz de lograr unha transferencia substancial de pasaxeiros e mercadorías cara aos modos menos consumidores de enerxía: ferrocarril convencional, transporte marítimo, autobús, bicicleta e marcha a pé.
  • Promover un ordenamento do territorio que garanta o seu uso sustentable, preserve e intercomunique as zonas de valor ecolóxico e reduza a demanda de transporte motorizado.
  • Desenvolver medidas concretas que aposten pola soberanía alimentaria, estimulando a produción e o consumo locais de alimentos de agricultura ecolóxica e labrega.
  • Pechar a incineradora de SOGAMA e impulsar unha política de residuos urbanos que priorice a redución e aposte por un modelo de xestión descentralizado que cree unha rede de plantas comarcais de reciclaxe e compostaxe.
  • Recoñecer e asumir a nosa débeda de carbono e contribuír ao financiamento de accións para a mitigación e adaptación á mudanza climática nos países empobrecidos.
  • Previr os incendios forestais e promover o uso sustentable dos montes mediante a regulación de usos do solo e a inclusión da silvicultura preventiva nos planos de xestión dos montes.

 

O manifesto enviouse ao presidente do Goberno español, ao presidente da Xunta de Galicia e ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

Asinaron o manifesto: Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Altermundo, Amigos da Terra, Ecodesarrollo Gaia, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, Iniciativa Pola Soberanía Alimentar dos Pobos, Intermon Oxfam, Plataforma "Salvar o Tren", Sindicato Nacional de Comisións Obreiras (CCOO) de Galicia, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Verdegaia, Veterinarios Sen Fronteiras (VSF).

O texto completo do manifesto pode lerse no blog da Alianza Galega polo Clima.