fumigación compostelaVerdegaia ven de presentar unha denuncia perante o Concello de Compostela polo uso de Tragli, un químico con base de glifosato, na fumigación das rúas desta vila.

Avanza a primavera e as diferentes administracións poñen en marcha plans para eliminar vexetación nas beiras das estradas, camiños, vías férreas ou noiros, así como rúas, muros e outros elementos dos cascos urbanos. Veredes en moitas ocasións o resultado destas actuación, herba seca e queimada. Veredes nalgunha ocasión operarios con traxes especiais aplicando a eito produtos químicos nestas zonas. En moitas ocasións os produtos aplicados son derivados do glifosato, herbicida que puxera en marcha nos anos 70 a Monsanto.

Recentemente a International Agency for Research on Cancer pertencente á Organización Mundial da Saúde acaba de incluír o glifosato dentro da lista de compostos probablemente canceríxenos para os seres humanos (como se pode comprobar na seguinte ligazón

http://monographs.iarc.fr/ENG/Classification/).

A aplicación destes produtos químicos é manifestamente perigosa para a nosa saúde, pois filtran no solo cara as augas subterráneas e acuíferos ou evapóranse no ar. A razón do seu uso non é máis que económica: aforrar en contratación de persoal, pois o uso de químicos reduce a tarefa respecto ás labores mecánicas.

A estas aplicacións hai que sumar as de tipo agrícola ou as fumigacións masivas relacionadas con monocultivos forestais como o eucalipto. Á marxe das cuestións sanitarias tamén estamos a falar dun grave risco ambiental, que por exemplo está a ameazar a vida das abellas, seres clave nos ciclos de polinización e base do sector apícola.

O paradoxo é como sempre que son as administracións, Xunta, Ministerio, concellos, as que en lugar de velar polo cumprimento da legalidade fomentan prácticas que ignoran toda protección ambiental. Así, a lexislación vixente en materia de fitosanitarios, O Real Decreto 1311/2012, de 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios (Boletín Oficial do Estado do Sábado 15 de setembro de 2012) no artigo 10º indica que se dará prioridad, cuando sea posible, a los métodos no químicos, de manera que los asesores y usuarios opten por las prácticas y los productos con menores riesgos para la salud humana y el medio ambiente, de entre todos los disponibles para tratar una misma plaga”.

O Real Decreto 1311/2012 sinala no artigo 46 que para os “espacios utilizados por el público en general, comprendidas las áreas verdes y de recreo, con vegetación ornamental o para sombra, dedicadas al ocio, esparcimiento o práctica de deportes” a Administración competente debería informar á veciñanza, tomar as medidadas axeitadas de precaución e comunicar o produto ou produtos a empregar. Isto non se está a facer en moitos casos.

Por outra banda, o mesmo Real Decreto 1311/2012, de 14 de setembro, polo que se establece o marco de actuación para conseguir un uso sostible dos produtos fitosanitarios, establece no seu artigo 30 denominado Priorización de produtos fitosanitarios para evitar a contaminación das augas, que “o asesoramento realizado no marco dos sistemas incluídos no artigo 10 contemplará unha valoración do risco de contaminación das augas. En función de dita valoración, en tanto sexa apreciable un risco, darase a prioridade oportuna á utilización de produtos fitosanitarios non clasificados como perigosos para o medio acuático en base ao Regulamento sobre clasificación, envasado e etiquetado de preparados perigosos, aprobado mediante Real Decreto 255/2003, de 28 de febreiro, ou en base ao Regulamento (CE) n.º 1272/2008, de 16 de decembro, sobre clasificación, etiquetado e envasado de substancias e mesturas, e á utilización de produtos fitosanitarios que non conteñan substancias perigosas prioritarias contempladas no Regulamento da Planificación Hidrolóxica, aprobado mediante Real Decreto 907/2007, de 6 de xullo”.

A maiores o Real decreto 1311/2012 establece no artigo 34, Medidas de redución de risco en zonas específicas, que “o asesoramento realizado no marco dos sistemas contemplados no artigo 10 dará prioridade, na medida en que estean dispoñibles, á utilización de produtos fitosanitarios de baixo risco conforme ao definido no Regulamento (CE) n.º 1107/2009, do Parlamento Europeo e do Consello, de 21 de outubro de 2009, e ás medidas de control biolóxico, en: a) Zonas de extracción de auga para consumo humano”.

Cómpre lembrar tamén que o artigo 34.5 do Real decreto 1311/2012 establece que “os órganos competentes, tendo debidamente en conta os requisitos de hixiene e saúde pública e a biodiversidade, ou os resultados das avaliacións de risco pertinentes, velarán porque se minimice ou se prohiba o uso de produtos fitosanitarios nalgunhas zonas específicas”.