trocoO pasado sábado 14 de Abril, Verdegaia Compostela celebrou a segunda edición do Mercadiño de Troco, en medio do ambiente festivo que viviu a rúa de San Pedro. Nesta ocasión, trocáronse xogos e xoguetes, menaxe de cociña e libros. Nengunha destas categorías ficou baleira grazas as persoas que se foron achegando ao longo da mañá a deixar unha gran variedade de obxectos para trocar, co resultado de máis dun centenar de obxectos trocados.

Ademais nesta ocasión, congratulámonos de ter involucrados os e as máis cativas nun mercadiño no que eles e elas tamén foron partícipes, participando en igualdade de condicións e tomando decisións sobre o que escoller.

Esta experiencia demostrou unha vez máis que o troco é un sistema de consumo máis responsable, posto que implica unha toma de decisións sobre o que necesitamos e o que non; ecolóxico, porque se materializa aquí, na nosa cidade, dándolle unha segunda vida a obxectos que doutro xeito acabarían no lixo e social, porque puxo en común ás persoas que o pasado sábado se animaron a participar.

A vindeira xornada de troco está prevista para a última semana de xuño, coincidindo cas festas do Barrio de San Pedro. Mantédevos atentos e atentas á páxina web para máis novidades.