Verdegaia denuncia o selado de antigas explotacións mineiras abandoadas por parte da Consellería de Innovación e Industria sen a realización de ningún tipo de Estudo de Avaliación de Impacto Ambiental xa que estas minas constitúen o hábitat de diversas especies de morcegos, algunhas delas incluídas dentro do Anexo II da Directiva 92/43/CEE, Directiva Hábitats. Estas actuacións destrúen o lugar onde habitan estes seres vivos e poden chegar a selarse con quirópteros dentro.

O tapiado destas instalacións mineiras realízase sen ter en conta ningún tipo de criterio ambiental e só contempla que a seguridade cidadá estea garantida, feito que pode ser compatible coa conservación destes ambientes se se intalan reixas, valados, ou calquera dispositivo que permita o acceso dos morcegos ó interior das minas e que non permita que ningunha persoa ou animal poda caer no seu interior.

Así mesmo, dende Verdegaia solicitamos por escrito ás Consellarías de Innovación e Industria, e Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que someta estas actuacións a un proceso de participación pública no que sexa posible realizar achegas e alegacións a estos proxectos, e que estes traballos conten cun Estudo de Avaliación de Impacto Ambiental para así paliar os efectos negativos que poden causar estas obras nas poboacións de quirópteros que habitan nestes lugares.