Verdegaia vén de apresentar alegacións ó Plano Reitor de Uso e Xestión (P.R.U.X.) do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia (P.N.M.T.I.A.G.) xa que consideramos que este documento non vai garantir a debida conservación dos valores naturais deste espazo protexido.

As nosas alegacións tocan os seguintes aspectos:

1. Retraso na elbaoración do documento: o P.R.U.X. sae a exposición pública con máis de oito anos de retraso xa que debía ter sido elaborado no prazo dun ano a partires da aprobación da Lei 15/2002 pola que se declarou o P.N.M.T.I.A.G. Este feito foi denunciado por Verdegaia dende a súa creación en 2006.

2. Ampliación do P.N.M.T.I.A.G.: solicitamos a ampliación do P.N.M.T.I.A.G. para abranguer territorios litorais lindeiros susceptibles de merecer ser incluídos no mesmo así como as Illas Sisargas (A Coruña).

3. Participación cidadá: solicitamos reforzar a participación cidadá a través do Padroado do P.N.M.T.I.A.G., implicar á poboación local e ós colectivos vencellados ó P.N.M.T.I.A.G nas accións de xestión, promover a participación en foros de debate e comisións de traballo dos sectores vencellados o Parque Nacional para a toma de decisions de xestión e a súa execución, e promover a participación do público en xeral mediante a publicación en Internet da información científica e ambiental dispoñible relativa ao P.N.M.T.I.A.G., e de todas aquelas actuacións que se leven a cabo no mesmo ou que podan afectalo.

4. Criterios de zonificación: solicitamos definir mellor os criterios polos que se escolleron cada unha das áreas indicando para cada caso concreto os valores naturais protexidos, e explicar con que criterios por exemplo, unhas zonas foron definidas como “reserva” e outras como “zonas de uso restrinxido” cando o ben a protexer é o mesmo en ambas.

5. Extensión das zonas de reserva: atopamos que a proporción de zonas de reserva está moi limitada e atendendo a criterios de protección ambiental debería ser moito máis ampla.

6. Reserva mariña: cremos que hai que aumentar a reserva mariña xa que no punto “Listado de zonas de reserva de ámbito mariño” se expón tan só unha superficie que aproximadamente abrangue o 3% da superficie protexida do P.N.M.T.I.A.G., porcentaxe insuficiente para conservar axeitadamente os valores naturais do medio mariño do espazo protexido. Por esta razón, solicitamos que a superficie de reserva mariña se amplíe para acadar o obxectivo do propio P.R.U.X. recollido no apartado “2.3.1. Obxectivos xerais. En materia de conservación da biodiversidade. Apartado e) Asegurar a compatibilidade das actividades humanas, especialmente a pesca, o marisqueo e os usos recreativos, coa conservación dos valores naturais.” Así, consideramos que os fondos de Maërl teñen que pasar a ser parte das zonas de reserva mariña do P.N.M.T.I.A.G.

Tamén cremos que antes de levar a cabo calquera actuación para a delimitación das zonas de reserva mariña, cómpre facer un traballo de explicación e concienciación no sector afectado ademais de explicar as potencialidades e vantaxes das reservas mariñas. Deste xeito, botamos en falla na delimitación consensuada a levar a cabo nestas zonas, a participación da comunidade científica e as asociacións ambientais.

Respecto ó  “Plano Sectorial de Xestión Integral dos recursos pesqueiros e marisqueiros do Parque Nacional”, solicitamos que se desenvolva no prazo máximo de 6 meses e non dun ano e que nel tamén participen membros das Universidades e científicos interesados e de asociacións ecoloxistas. Ademais, cómpre facer unha gran labor informativa e divulgativa previa xa que sen a participación do sector, este plan está abocado ó fracaso. Deste xeito, farase ver ás persoas que traballan no mar as oportunidades e vantaxes que supón facelo nun Parque Nacional.

7. Prohibición das artes de arrastre: solicitamos que a utilización de calquera arte de pesca de arrastre de fondo a calquera profundidade estea prohibida. Consideramos que o uso de artes de pesca de arrastre de fondo, incluíndo os rastros remolcados, son moi daniñas para os fondos mariños e polo tanto incompatibles cos obxectivos do P.N.M.T.I.A.G.

8. Pesca nas zonas de uso restrinxido de ámbito mariño na época de reproducción do corvo mariño cristado: solicitamos que na área comprendida entre as illas do Faro e San Martiño (Cíes), no contorno do faro dos Camoucos e no leste de Onza (Ons) e nunha zona ó oeste de Sagres non se poda pescar na época de reproducción da especie.

9. Aves mariñas coloniais: solicitamos que a estratexia de manexo das aves mariñas coloniais inclúa, en relación ó corvo mariño cristado, a reducción significativa da mortalidade en artes de enmalle en todo o Parque Nacional feito que entra en contradicción coa escasa zona de reserva mariña que existirá no P.N.M.T.I.A.G.

10. Navegación e mergullo: solicitamos concretar o límite o número de mergulladores e o número de embarcacións que transitan por día nas zonas de uso restrinxido.

11. Perfil do visitante e infraestruturas de interpretación: solicitamos fomentar as visitas con interese ambiental en detrimento das que teñen carácter de turismo de “sol e praia”. Tamén que existan infraestruturas de interpretación e información fóra do propio parque e na súa área de influencia,

12. Residuos e recursos hídricos: solicitamos desenvolver un plano de residuos en todo o P.N.M.T.I.A.G. en vez de facelo só na illa de Ons, promover a depuración de todas as augas empregadas e a súa reutilización e que se evite a creación de novos puntos de captación de recursos hídricos.

13. Concesións: solicitamos que as actividades que se leven a cabo no Parque se realicen directamente pola administración. Se isto non fora posible, será necesario xustificalo axeitadamente antes de outorgar unha concesión a unha empresa de servizos.

14. Acondicionamento de pistas e camiños: solicitamos que os traballos de acondicionamento de pistas e camiños se realicen respetando a tipoloxía tradicional.