cegonha.jpg Verdegaia vén de presentar alegacións diante da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible nas que solicita que o proxecto de decreto polo que se declara a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) “A Limia” contemple unha ampliación que garanta a perfecta conservación dos valores ornitolóxicos que alberga a comarca da Limia asumindo a proposta da IBA (Important Bird Area) “ES0008 A Limia” ideada por Birdlife International e na que se contemplan 32.800 ha. de superficie protexida continua nesa bisbarra ourensá. 

En primeiro termo, Verdegaia acha insuficiente a superficie protexida na proposta de ZEPA “A Limia”, que tan só contempla a inclusión nela de 10.383,88 ha.

En segundo lugar, Verdegaia valora negativamente que a proposta de ZEPA “A Limia” contemple a protección de tres superficies illadas, feito negativo de cara á conservación dos valores ornitolóxicos que se pretenden protexer coa citada ZEPA, xa que entre esas tres superficies existe territorio que non conta con ningunha figura de protección.

Cómpre salientar tamén que a Comisión Europea requeriu na súa Demanda contra España presentada ante o Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas que se garanta o cumprimento da Directiva 79/409/CEE relativa á conservación das aves silvestres, e que establece que os Estados membros clasificarán en Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) os territorios máis axeitados en número e superficie para a conservación das especies mencionadas no Anexo I de dita Directiva, adoptando medidas semellantes respecto das especies migratorias non contempladas nese anexo cuxa chegada sexa regular.

Lamentablemente, a proposta de ZEPA “A Limia” non garante o cumprimento da Directiva 79/409/CEE xa que non permite a adecuada conservación de 42 especies de aves presentes na comarca da Limia e que están incluídas no Anexo I da citada Directiva, non garante a conservación de 128 especies de aves  incluidas no Anexo I do Catálogo Galego de Especies Ameazadas (2 catalogadas como “en perigo de extinción”, 11 como “vulnerables” e 115 como “de interese especial”) e non garante a conservación de 24 especies de aves que están incluidas no Libro Rojo de los Vertebrados de España (4 delas catalogadas como “en perigo”, 10  como “vulnerables” e outras 10 como “case ameazadas”).

Por outra banda e diante das protestas en contra desta declaración vimos de explicar á cidadanía que as actividades agrícolas e gandeiras, son imprescindibles para algunhas das especies que motivan declaración como a Zona de Especial Protección para las Aves,

A modificación da Política agraria Común (PAC) vai provocar a desaparición das axudas das que se estaban a beneficiar o agro, derivándose cara aquelas actividades agrícolas beneficiosas para o medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria. A partires de agora terán preferencia a recibir estas axudas as zonas protexidas e aquelas nas que as actividades se reorienten a unha producción de calidade e/ou ecolóxica.

Por todo isto, a súa declaración de lugar ZEPA, será beneficioso para os homes e mulleres que viven na Limia. Asociar o cultivo da pataca da Limia co dunha zona ben conservada, será unha garantía de imaxe e de comercialización asegurada e na que se debe traballar. Precisamente amplas zonas que hoxe se pretenden declarar coma ZEPA xa están incluídas na Reserva da Biosfera.