Verdegaia fixo entrega por escrito na Dirección Xeral de Recursos Mariños das razóns polas que se opón a este proxecto, dentro do prazo de alegacións ao Proxecto Sectorial. A razón fundamental son as afeccións que suporía ao LIC Carnota-Monte Pindo, incluído na rede Natura 2000 e declarado Zona de Especial Protección dos Valores Naturais polo decreto 72/2.004, onde existen hábitats naturais prioritarios, vulnerando así o establecido na Directiva 92/43/CEE e no Real Decreto 1997/1995, de 7 de Decembro de Conservaición dos espazos  naturais e da flora e fauna silvestres.

Entre estes hábitats prioritarios afectados figuran dunas costeiras fixas con vexetación herbácea (“dunas grises”), dunas fixas descalcificadas atlánticas (Calluno-Ulicetea), matorrais arborescentes de Laurus nobilis, zonas subestépicas de gramíneas e anuais do Thero-Brachypodietea, e xa na zona húmida perto da praia de Quilmas, vexetación anual con Salicornia e outras especies de zonas húmidas e areosas.

Verdegaia tamén considera improcedente iniciar a tramitación deste proxecto á marxe do Plan Sectorial dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria, actualmente en proceso de revisión, pois será este o que determine finalmente a idoneidade do emprazamento para cada un dos parques e instalacións acuícolas incluídos no mesmo, despois dun estudo exhaustivo da costa galega. Segundo o apartado 2 do artigo 9 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, “os proxectos sectoriais deberanse axustar ás determinacións do correspondente plan sectorial”. E aínda que tamén di que “… en ausencia de plan sectorial tamén poderán aprobarse proxectos sectoriais para unha determinada infraestrutura, dotación ou instalación”, o certo é que xa existe un plan sectorial, neste caso o dos Parques de Tecnoloxía Alimentaria na Costa Galega, que nestes intres está en revisión polas numerosas eivas detectadas.

Así mesmo, Verdegaia considera totalmente irregular a cualificación de Proxecto de Incidencia Supramunicipal posto que non cumpre ningún dos supostos previstos no artigo 4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo que regula esta figura, xa que non produce efectos positivos para o ambiente, a paisaxe rural ou para o patrimonio cultural, senón todo o contrario; non contribúe, de xeito significativo, ao desenvolvemento sostíbel social e económico de Galicia; entre outras razóns, pola escasa creación de postos de traballo debido á automatización deste tipo de instalacións, e tampouco cumpriría unha función vertebradora ou estruturante do territorio.

Por estas razóns, Verdegaia esixe á Dirección Xeral de Recursos Mariños a anulación do proxecto.