A súa insolvencia ambiental, sanitaria, social, técnica e económica é evidente. A Xunta de Galicia, a pesar destas evidencias tentou por todos os medios que o proxecto saíse adiante

Só as decenas de denuncias da veciñanza, das asociacións e das organizacións que velamos por unha economía sustentable, pola defensa do ambiente, pola saúde das persoas e pola xustiza social, foron quen de parar este insensato proxecto.Corcoesto 008 Supoñemos que só a presión sobre a Xunta dende todas as instancias que puxeron en evidencia a insensatez deste proxecto fixeron que hoxe o seu presidente fose quen de verbalizar dita insolvencia.

Tanto instancias europeas, coma o Valedor do Pobo, el Defensor del Pueblo, os xulgados, o SEPRONA, distintos organismos da Xunta, organismos universitarios, tiñan recollidas e avaliadas as queixas da veciñanza e procurado o seu amparo. A medida que as irregularidades do proxecto denunciadas ían facéndose incontábeis, resultaba máis incomprensible a teima da Xunta e dalgún alcalde en defender o proxecto.

Porén, a pesar de que Alberto Nuñez Feijoo recoñeceu hoxe no Parlamento que Minera de Corcoesto é insolvente técnica e financeiramente. En Verdegaia non estamos satisfeitos e pedimos unha resolución expresa que bote abaixo todo o proxecto. Lamentamos que unha vez máis tivemos que saber pola prensa que a Xunta de Galicia vai botar abaixo o proxecto mineiro de Corcoesto (que o publicou mesmo antes de que o Presidente llo comunicase ao Parlamento). Seguimos a esixir total transparencia na tramitación do proxecto, e que se dite resolución expresa conforme á Lei.

En Verdegaia vimos demandando a información coa que a empresa pretendía xustificar a súa solvencia amparados no dereito á información ambiental. Segundo a Lei, calquera persoa (sen necesidade de xustificar outro interese particular máis que o ambiental) ten dereito a toda a información ambiental de calquera proxecto. Esta información inclúe “as análises da relación custo-beneficio e outras análises e supostos de carácter económico utilizados na toma de decisións” relativas ás medidas e actividades afecten ou poidan afectar o ambiente[1], mais esa información está agachándose reiterada e conscientemente pola Consellería de Industria. Esta práctica de ocultación da información e de falta de transparencia, foi e continúa a ser a habitual durante toda a tramitación do proxecto.

Para que a mineira puidese iniciar a tramitación do proxecto como proxecto industrial estratéxico, tiña que ter presentado tamén no seu momento unha memoria na que se xustificase a viabilidade económico-financeira da actuación[2]. Só agora, trala insistencia das asociacións veciñais da zona e da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños vén de recoñecerse a insolvencia da empresa. Isto é proba de que o proxecto nunca debeu ser admitido a trámite.



[1] Segundo o artigo 2. 3 e) da Lei LEI 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente (incorpora as Directivas 2003/4/CE e 2003/35/CE).(«BOE 171», do 19-7-2006).

[2] Segundo o artigo 41.1 c) da LEI 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia.