cambioclimatico.jpgO Plano Galego Fronte ao Cambio Climático non impedirá que a achega de Galicia ao maior problema ambiental global medre considerablemente nos próximos anos. Segundo o propio Plano, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) en 2012 serán un 37% superiores ás rexistradas en 1990, cando no 2006 eran un 20,6 % maiores. O aumento das emisións terá lugar sobre todo no sector enerxético, perante a pasividade da Xunta, que prefire ollar para outro lado.  Verdegaia considera que o Plano é pouco ambicioso e que o Goberno galego engana á cidadanía ao dicir que vai reducir as emisións de GEI.

A pesar de que o sector da produción enerxética -fundamentalmente as centrais térmicas- representa o 41,7% das emisións totais de GEI, o Goberno galego segue sen facer nada para as reducir. A proposta de Plano presentada en xuño recoñece que no período 2008-2012 as emisións debidas á produción de enerxía aumentarán un 16,8 % a respecto de 2007. Isto é debido á entrada en funcionamento de dúas novas centrais térmicas de ciclo combinado a gas natural nas Pontes e en Sabón, que se suman ás de carbón das Pontes e de Meirama. O Plano deixa claro que o aumento previsto da xeración de electricidade renovable, sobre todo de orixe eólica, non suporá unha redución neta das emisións, só evitará que estas medren aínda en maior medida. 

As emisións de dióxido de carbono (CO2) e outros GEI que se evitarían en cinco anos  (entre 2008 e 2012) con todas as medidas promovidas pola Xunta -que inciden sobre todos os sectores agás o de produción enerxética- sería de 9 millóns de toneladas, de acordo cos cálculos da propia Xunta, o que equivale ás emisións da central de carbón das Pontes nun só ano (2007). Isto pon de manifesto a falta de ambición das accións da Xunta, que ademais só supoñen reducións virtuais, a respecto dun escenario tendencial calculado pola Xunta segundo o cal as emisións aumentarían un 47,5% en ausencia do Plano. Mesmo coa aplicación íntegra do Plano, Galicia sería un dos países europeos con maior crecemento das emisións no período 1990-2012 e con maiores emisións por habitante en 2012.

Avanzarmos cara a unha economía baixa en carbono 

A Xunta segue sen asumir seriamente o reto de avanzar cara a unha economía galega baixa en carbono, o que prepararía o noso país para facer fronte á inevitable tendencia ao aumento dos prezos enerxéticos, melloraría o estado do medio ambiente e a calidade de vida e xeraría oportunidades de emprego verde. Para que Galicia asuma as súas obrigas na loita contra unha mudanza climática global potencialmente castatrófica é imprescindible que a Xunta actúe para reducir sustancialmente as emisións do sector eléctrico, por exemplo, endurecendo o imposto autonómico sobre a contaminación atmosférica e presionando para o peche das ineficientes e altamente contaminantes centrais térmicas de carbón. De persistir a falta de vontade política do Goberno galego -e tamén dos municipais-, só unha forte suba dos prezos da enerxía faría que baixasen as nosas elevadas emisións nos próximos anos.

O Plano Galego de Acción Fronte ao Cambio Climático e o único presentado até agora por un Goberno autonómico que non prevé reducións reais das emisións. O Plano Andaluz de Acción polo Clima 2007-2012 procura diminuír as emisións por habitante nun 19% en 2012 a respecto de 2004. O Plano Catalán de Mitigación da Mudanza Climática 2008-2012 fixouse como obxectivo unha redución anual real de 5,3 millóns de toneladas de GEI. O Plano Basco de Loita contra o Cambio Climático 2008-2012 pretende limitar o aumento das emisións totais ao 14% a respecto de 1990, desde unhas emisións actuais un 22% superiores ás de 1990.

Máis información:

As emisións de Gases de Efecto Invernadoiro en Galicia (1990-2006)

Plano Galego de Acción Fronte ao Cambio Climático