• Acórdase na Cámara unha declaración institucional que pide o retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas.

Compostela, 12 de maio de 2021.

O Parlamento de Galiza emitiu hoxe unha declaración institucional de apoio o pobo palestino e os seus dereitos diante das continuada agresión que está a sufrir por parte do Estado de Israel e que vive unha escalada estes días. Os tres grupos representados na Cámara galega responden así a unha iniciativa presentada pola coordinación PALESTINA.GAL, da que fai parte Verdegia e pola que o Parlamento de Galicia reclama da comunidade internacional que esixa a Israel, entre outras cuestións, o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas, o respecto absoluto dos dereitos humanos de palestinas e palestinos, e o respecto absoluto dos dereitos colectivos do pobo palestino.

Na declaración, que foi lida polo Presidente do Parlamento pouco antes da unha da tarde, os parlamentarios manifestan un “firme compromiso cos dereitos inalienábeis da persoa, coa liberdade e co máis pleno respecto á dignidade humana”, e reclaman do Estado de Israel que recoñeza “o dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas de que foron expulsadas”.

A declaración rematou cun compromiso para que o Parlamento de Galicia non escatime esforzos “en contribuír desde Galiza a construír unha orde internacional xusta co respaldo da legalidade internacional, un mundo en que a forza fique sempre sometida ao dereito”.

A plataforma PALESTINA.GAL celebrará pasado mañá, día 14, en Compostela o Check Point Clown, un acto reivindicativo no que tomarán parte o mago Dani García e o pallaso Jano sen Medidas, e participarán representantes da comunidade palestina no país. O acto terá lugar na rúa San Pedro a partir das sete da tarde.