logo_qdq.jpgA campaña Quen debe a Quen? advirte que a reforma do FAD que quer o Goberno español abocará aos países do Sul a unha nova crise de débeda externa. A reforma do Fondo de Axuda ao Desenvolvimento (FAD) que o Goberno defende estes días no Parlamento español levará a aumentar a porcentaxe de créditos incluídos na Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD). Isto aumentará a débeda externa dos países máis empobrecidos, vulnerando os convenios internacionais sobre financiamento responsábel. Con esta reforma do FAD resulta imposíbel asegurarse de que recursos públicos da cooperación española non sexan destinados a proxectos ou empresas vinculados coa violación de dereitos humanos, corrupción ou impactos ambientais.

Un hotel de cinco estrelas en Chad, material para o control migratorio en Ghana ou instalacións de subministración de auga potábel que, por problemas de corrupción, nunca entraron en funcionamento no Salvador, foron financiados con créditos FAD. É dicir: proveñen de fundos dos contribuíntes españois e contabilizados como Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Todos eles xeraron, ademais, débedas ilexítimas que estes países seguen a pagar. E todos eles poderíanse repetir no caso de seguir adiante o Goberno cos seus planos.

Para Merche Valls, da Campaña Quen debe a Quen? "a reforma non é tal, críanse novos instrumentos para non mudar nada en absoluto. O Goberno simplemente propón máis do mesmo".

No marco desta reforma, a proposta de criación do Fundo de Promoción do Desenvolvimento (FONPRODE), que afrontou no Congreso de Deputados unha emenda á totalidade, podería supor romper definitivamente co Pacto de Estado contra a Pobreza -asinado por todos os grupos parlamentares en 2007-. O devandito Pacto establece un límite dun 5% de recursos da AOD en forma de créditos, e a proposta do Goberno para o novo FONPRODE abre a posibilidade de potenciar sen medida a Axuda reembolsable. Rompe tamén coas recomendacións do Comité de Axuda ao Desenvolvimento da OCDE de conceder doazóns e non créditos aos países pobres.

Para a Campaña Quen debe a Quen? este aumento do uso do crédito na AOD é "totalmente inaceitábel, xa que agravará de forma irremediábel o sobreendebedamento dos países do Sul, abocándoos a unha situación de crise e pobreza permanentes".

De feito, países como Australia, Austria, Bélxica, Canadá, Dinamarca, Finlandia, Grecia, Irlanda, Luxemburgo, Países Baixos, Nova Zelandia, Noruega, Suíza, Reino Unido e Estados Unidos están por baixo do 5% da AOD reembolsábel.

"Se queremos unha cooperación de calidade debemos apostar por reducir a axuda reembolsábel á mínima expresión", afirma Dani Gómez-Olivé, investigador do Observatorio da Débeda na Globalización e membro de Quen debe a Quen?. Segundo Gómez-Olivé "a AOD debería concibirse como unha ferramenta de restitución ante as débedas históricas, económicas, culturais, ecolóxicas e sociais, que temos cos países do Sul, e a devandita restitución ha de ser en forma de doazón, nunca de crédito".

O Congreso está a discutir tamén a criación do Fundo de Internacionalización da Empresa (FIEM). Trátase novamente dun mecanismo de crédito para terceiros países, ligado á compra de bens e servizos de empresas españolas, e que poderá contabilizar como AOD. Desvirtúase así máis unha vez a cooperación española, pondo os intereses comerciais do sector empresarial por diante da luita contra a pobreza e a defensa dos direitos humanos.

O Goberno español incumpre tamén co mandado da Lei de xestión da débeda externa (38/2006), que o emprazaba a abordar a cuestión da xeración de débedas externas. Para Tom Kucharz, de Ecologistas en Acción e Quen debe a Quen?, "o Goberno pretende utilizar estes mecanismos, xeradores de débeda externa, como falsa saída á crise económica, repetindo así erros do pasado. Sobre bases tan fráxeis non se logrará unha recuperación económica sustentábel e amosarase máis unha vez a falta de responsabilidade e compromiso do noso Goberno co desenvolvimento sustentábel dos países de Sul".

Tanto FIEM como FONPRODE carecerán, segundo Quen debe a Quen?, das necesarias ferramentas de control, avaliación e rendición de contas, posibilitando a xeración de máis débeda ilexítima nos países do Sul.

Tal e como denunciou Maria García, do Observatorio de Direitos Humanos-DESC e Quen debe a Quen?, na comparecencia o pasado 15 de febreiro na Comisión de Cooperación do Congreso de Deputados, "esta falta de regulación en materia de transparencia, control e rendición de contas favorecerán a desviación de fondos públicos para proxectos nos que se violen os direitos humanos, se fomenten prácticas de suborno e corrupción, ou nos que se xeren impactos negativos sobre as poboacións locais a nivel ambiental, económico, social ou cultural".

As propostas do Goberno atopáronse non só coa oposición frontal dun amplo conxunto de organizacións da sociedade civil, senón tamén de diversos grupos parlamentares que apresentaron numerosas emendas ás proposicións de lei, incluíndo emendas á totalidade tanto de FIEM como de FONPRODE.

Para Quen debe a Quen?, en caso de ser aprobados tal e como os propón o Goberno, "FONPRODE e FIEM suporán un retroceso abismal na loita contra a pobreza e a débeda externa, así como na defensa dos dereitos humanos".