Islas Cíes Monteagudo y do Faro por Jorge Montero Tapia en Flickr

Islas Cíes Monteagudo y do Faro por Jorge Montero Tapia en Flickr

O documento leva case 14 anos de retraso incumprindo a propia Lei de Declaración do Parque

O Movemento Ecoloxista leva máis dunha década solicitando, tanto á Dirección do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia como á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que se cumpra a Disposición Adicional Segunda da Lei 15/2002, de 1 de xullo pola que se declara o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que di: “No prazo dun ano elaborarase o plano reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional”. Deste xeito, o PRUX tiña que ter sido aprobado o día 3 de xullo de 2003. Malia as insistentes peticións dos últimos anos do Movemento Ecoloxista, nin a Dirección do Parque Nacional nin a Consellaría chegaron a aprobar este valioso documento. Polo tanto, a regulación das actividades que se levan a cabo neste espazo protexido -ao carecer deste documento- realízase sen a planificación axeitada e incumprindo a lei de declaración do Parque.

Lembremos tamén que segundo o Artigo 4 da citada Lei pola que se declara o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia: “No Parque Nacional manteranse e apoiaranse aqueles usos e actividades tradicionais que, tendo contribuído historicamente a conforma-la paisaxe, sexan declarados compatibles e regulado o seu desenvolvemento no plan rector de uso e xestión”.

O pasado día 21 de outubro aprobábase o Plano Director de Parques Nacionais, feito que obrigará á aprobación do P.R.U.X. de todos os Parques Nacionais que aínda non o teñan aprobado nun prazo máximo de dous anos. De acordo con esta norma, o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia deberá ter aprobado o seu PRUX antesdo 21 de outubro de 2018, o que suporá un retraso de máis de quince anos. Chegados a este punto, poderíase agardar que unha vez listo este documento de xestión do Parque xa rematarán os problemas, mais desgraciadamente non semella que vaia ser así xa que non só cómpre a aprobación do PRUX senón que esta ferramenta de xestión estea á altura do que ten que ser un Parque Nacional.

O pasado mes de outubro a Subdirectora do Parque Nacional, Montserrat Martínez, recoñecía que a demora na aprobación do PRUX debíase ás reticencias expostas polo sector pesqueiro e marisqueiro, que non aceptan as restricións das súas actividades nunha superficie mariña de 218,6 ha, que corresponden a un 3% da superficie mariña do Parque Nacional (7.285,2 ha). Asumir por fin que o problema de non aprobar o P.R.U.X. é un paso positivo, mais infravalorar a importancia enorme de que o Parque Nacional teña unha reserva mariña en condicións como fixo a subdirectora xa non é tan positivo.

Sería un grave erro que o Parque Nacional non tivera cando menos esas case 220 ha mariñas de reserva integral cando dende a Dirección do Parque insístese na importancia dos valores naturais submariños. Todas as partes concernidas deberían participar na elaboración do PRUX, incluíndo armadores e mariñeiros da pesca artesanal, xa que os seus dereitos de pesca tradicionais teñen que estar garantidos. Cómpre facer todo o necesario para que a protección ambiental teña un efecto positivo nos sectores produtivos, permitindo que as persoas afectadas xestionen e vixíen a reserva mariña para que as poboacións de peixes e mariscos se vexan incrementadas grazas ao su efecto ambiental positivo.

Foto: ‘Islas Cíes Monteagudo y do Faro’ de Jorge Montero Tapia en Flickr (CC BY-NC-ND 2.0)