A asociación ecopacifista Verdegaia entregará os seus Premios Semente e Cemento 2009 o vindeiro Sábado 6 de Xuño nun xantar en Santiago de Compostela. Os galardóns á mellor e pior actuación ambiental do ano, distinguirán nesta ocasión á asociación para o desenvolvimento rural sustentábel O Grelo Verde (na parte positiva) e á alcaldesa de Cangas, Clara Millán (na negativa).

Verdegaia entregará o vindeiro Sábado 6 de Xuño, co gallo do Día Mundial do Ambiente (5 de Xuño), os seus Premios Semente e Cemento á mellor e pior actuación ambiental do ano. Será no transcurso dun xantar que se celebrará na Troita Armada (Federación Itaca), Rúa do Pombal 18 (Santiago de Compostela).

Nesta o casión o Premio Semente será entregado á asociación para o desenvolvimento rural sustentábel O Grelo Verde, polo seu traballo de divulgación e construción de alternativas para avanzar na sustentabilidade e facer posíbel un medio rural vivo. Deste traballo cumpre salientar o labor centrado no apoio a comedores escolares ecolóxicos, un magnífico exemplo práctico de combinación de educación ambiental, alimentación saudábel e sustentábel, produción e consumo responsábeis e construción de soberanía alimentar.

Por outra banda, o Premio Cemento foi outorgado a Clara Millán, alcaldesa de Cangas, que chegou ao goberno municipal opóndose ao “Proxecto Massó” (da promotora Marina Atlántica e financiado por CaixaNova) e agora non é quen de paralisar as obras do porto deportivo do Salgueirón, cun grave impacto ambiental e social.

Os Premios Semente e Cemento de Verdegaia eran entregados antes a fin de ano, mais en 2008 decidiuse mudar a data para a facer coincidir co Día Mundial do Ambiente. En 2007 os Premios Semente e Cemento foron outorgados á Plataforma Viciñal Cruceiro de Meá (pola súa decidida actuación contra a instalación da planta regasificadora de REGANOSA na Ría de Ferrol) e ao Consello da Xunta de Galicia, personificado nos Conselleiros de Industria (Fernando Blanco) e Ambiente (Pachi Vázquez) pola autorización administrativa á canteira “A Campa”, de Cupire-Padesa, ubicada no Courel. En 2006 os premios de Verdegaia foron ao Foro Social de Cangas e a Brenntag Iberia.