cyclesO anuncio realizado onte polo Concello de Compostela relativo ao proxecto de construción dun carril-bici na rúa Berlín en Fontiñas é unha mostra máis da ausencia dunha aposta seria, planificada e estruturada para fomentar o uso cotián da bicicleta na nosa cidade. Dende Verdegaia demandamos unha planificación seria para promover o uso da bicicleta como medio de transporte no Concello de Compostela.

O desenvolvemento de infraestruturas para a bicicleta esixe unha ollada global sobre a mobilidade e o urbanismo na cidade para poder realizar unha planificación coherente e con visión de futuro da cidade que queremos, contando coa participación activa da cidadanía. Verdegaia esixe ao Concello de Compostela a realización dun Plano Director da Bicicleta en Santiago que recolla, entre outras, as seguintes medidas:

  • Realización dun estudo sobre a mobilidade en Compostela para coñecer os hábitos da cidadanía e establecer os polos principais de referencia da cidade e os fluxos de transporte.
  • Deseñar unha rede de itinerarios ciclistas (carrís-bici, sendas-bici, carrís segregados, áreas 30, . . ) que asegure a conectividade entre estes polos de referencia da cidade, procurando itinerarios seguros e de pendentes moderadas.
  • Dotar de infraestruturas de apoio á rede como aparcadoiros seguros e sinalización axeitada.
  • Deseñar programas complementarios de educación vial (para ciclousuarios/as e automobilistas), campañas promocionais e de divulgación e publicacións que recollan indicacións para o uso da bicicleta en Compostela.
  • Desenvolver normativas urbanísticas e de construción que faciliten o emprego da bicicleta, como a dotación de determinadas prazas de aparcamento para bicicletas por m2 de vivenda de nova construcción en lugares accesibles da mesma ou a obriga de prever infraestruturas ciclistas en todos os viais de nova construción e nas reformas, se for posible.
  • Establecer as partidas orzamentarias precisas nos distintos orzamentos anuais do Concello e un calendario de realización detallado.

Só así poderemos aspirar a establecer a bicicleta como unha ferramenta de transporte normalizada na nosa cidade, situándonos na órbita das cidades avanzadas neste campo como Barcelona, Donostia, Córdoba ou Vitoria. Todo o demais son xestos inútiles cara a galería que nada aportan no camiño da sustentabilidade para Compostela.