Asociacións ecoloxistas, armadores e outras entidades do sector pesqueiro galego vimos de trasladarlle á Fiscalía de Medio Ambiente do TSXG a nosa inquedanza polos riscos que para o medio mariño e os recursos pesqueiros das rías ten a instalación de gaiolas para o cultivo do salmón. No decurso da xuntanza co Fiscal démoslle traslado, xunto coa denuncia colectiva, dun dossier coas irregularidades do proceso e a documentación gráfica que certifica, fronte ás mentiras da consellaría do Mar, a alta mortalidade dos peixes, a nefasta xestión dos refugallos e o uso de recursos públicos para unha actividade privada. Pedímoslle ao Ministerio Fiscal que solicite á Xunta os informes que “avalan” esta experiencia contrastándoos con análises e informes científicos independentes e que, fronte aos intentos da Xunta “pontear” as leis, garanta o cumprimento estrito da lexislación  ambiental.

As organizacións ADEGA, VERDEGAIA, OCÉANA, WWF, SALVA A SELVA, ASOAR-ARMEGA, Fundación Lonxanet e armadores de Muros e Noia expresamos a nosa confianza en que o Ministerio Fiscal sexa quen de obrigar á consellaría do Mar a actuar con imparcialidade, esixindo a posta a disposición da cidadanía dos datos “segredos” sobre o resultado da experiencia de Arousa e a presentación dos informes científicos independentes que permitan avaliar todos os riscos desta actividade sobre o ecosistema e a produtividade das rías.

remolcador.jpg

A administración galega debería respostar tamén pola escandalosa connivencia coa empresa e a submisión de recursos públicos -un remolcador de salvamento chegou a inxectar en catro ocasións auga fría na gaiola- aos intereses de North West Food. A Consellaría do Mar mesmo chegou a negar públicamente a evidencia da aparición de numerosos salmóns mortos próximos á gaiola nas artes de pesca. Os colectivos asinantes da denuncia puxemos a disposición da Fiscalía as probas gráficas (fotografías e vídeos) así como os cadáveres recollidos para que consten como proba e por se son susceptíbeis de análises toxicolóxicas.

Finalmente, instamos tamén á Fiscalía a pescudar sobre a nefasta xestión do gran volume de refugallos (cadáveres en avanzado estado de descomposición) que está a provocar a “experiencia” na ría de Muros. Estes restos, polo seu potencial contaminante, deberían ser xestionados conforme a rigorosos protocolos como residuos perigosos e non amorealos de calquera xeito en contentores ao alcance de calqueira ou utilizalos como alimento de animais de granxa.