Antecedentes

Fai algo máis de catro anos, a Comisión de Educación Ecolóxica de Ecoloxistas en Acción elaborou un estudo cualitativo sobre os libros de texto, buscando as mensaxes explícitas, implícitas, as omisións ou as deformacións duns contidos que agochan a magnitude da insostenibilidade, as súas causas e as súas responsabilidades.

Ao fío deste traballo, en outubro de 2007 Verdegaia organizou no Centro de Educación Ambiental Equal, o primeiro "Curso do currículo oculto antiecolóxico dos libros de texto: unha educación para o Desenvolvemento SosteMible".

Os contidos deste primeiro curso centráronse na identificación das chaves da insostenibilidade e o pensamento antiecolóxico que se constrúe dende os libros de texto para, a continuación, desenvolver unha análise artesanal dalgúns libros empregados polos escolares galegos.

Co obxectivo de compartir o traballo realizado e sentar as bases metodolóxicas para a elaboración dun estudo completo da situación dos libros galegos, xuntámonos novamente no Centro Equal a comezos de febreiro de 2008.

Nesta segunda edición sentamos as bases para a definición dun Protocolo de Análise dos libros de texto, especificando a forma en que tería que desenvolverse o estudo e os cursos que queriamos traballar máis especificamente. De igual xeito, definiuse tamén a participación de novos colectivos interesados no estudo.

¿Por que a análise dos libros de texto?

Ben sabemos que os libros de texto e a súa utilización nas aulas están suxeitos a un longo debate no contexto dos movementos educativos. É preciso, por tanto, explicitar que con este estudo non pretendemos, en ningún caso, apoiar e/ou xustificar o uso dos libros de texto nos centros escolares.

En realidade, os libros de texto non son máis que unha escusa para analizar as categorías culturais coas que vemos o mundo.

Os libros de texto, queirámolo ou non, son os que directa ou indirectamente marcan a axenda de asuntos que hai que aprender, marcan tendencias no ensino formal. Como consecuencia, representan a súa vez o "coñecemento serio", o "coñecemento de verdade", e son unha mostra representativa do mesmo, xa que abarcan tódolos ámbitos.

En definitiva, nos dan unha idea de como aprendemos a mirar o mundo.

Ademais, consideramos que un colectivo ecoloxista como Verdegaia, ten que ser tamén capaz de poñer en marcha procesos de investigación e de creación colectiva de coñecemento, como mecanismos de mobilización social.

¿Como estamos a desenvolver este traballo?

Co fin de organizar do xeito máis eficiente posíbel o estudo, artilláronse tres niveis de traballo:

  • Os grupos comarcais: a definición de grupos a nivel comarcal non ten outro obxectivo máis que facilitar a organización das parellas de lectura ou, no caso en que o número de persoas coincidentes nunha mesma zona sexa impar, organizar a lectura de forma que, polo menos, cada un dos libros sexa lido por dúas persoas.

  • As parellas de lectura: Coa lectura cruzada buscamos un maior detalle na análise dos libros de texto, xa que na lectura individual haberá cousas que nos non identifiquemos e o/a noso/a compañeiro/a si, e viceversa.

O obxectivo final é o de obter un informe para cada un dos libros, consensuando as presenzas e as ausencias.

  • A lectura individual: contando coa axuda dunha matriz de análise, elaborada colectivamente, e o "entrenamento" a través de lecturas previas de documentos específicos, que facilitarán a identificación das sospeitas, realizarase a lectura dos libros, recollendo as presenzas a través dunha plantilla que posteriormente nos servirá para elaborar un informe.

No remate de todas as lecturas, e unha vez dispoñamos de informes consensuados para todos os libros, convocarase unha xuntanza na que poñer en común o traballo desenvolvido e definir os pasos a seguir (divulgación dos resultados, elaboración dun informe do conxunto das lecturas, elaboración de artigos semellantes, etc.).