Verdegaia considera lamentable a instalación por parte do concello de Vigo de 28 sinais indicadores por toda a cidade co lema “Cíes, a mellor praia do mundo”. Estes sinais, colocados en puntos como a praza de España, Sanjurjo Badía ou Bouzas, difunden unha imaxe do Parque Nacional das Illas Atlánticas como un espazo turístico de sol e praia, algo que se opón frontalmente aos obxectivos de conservación e protección que inspiraron a súa creación. 

O concello de Vigo dá mostras con esta actuación dun absoluto descoñecemento da razón de ser dos parques nacionais. O concello aposta por explotar o turismo máis daniño no canto de promocionar actividades relacionadas coa difusión dos valores naturais e ambientais das illas Cíes e da súa contorna.

É urxente que todos tomemos conciencia de que a primeira función do Parque Nacional é protexer a integridade dos seus ecosistemas marítimos e terrestres e, en segundo lugar, o fomento e a divulgación dos seus valores ambientais. En ningún caso deberíase potenciar un turismo que considera ao Parque Nacional como un simple espazo de praia, especialmente nunha comunidade que conta con numerosas praias alternativas. Neste sentido, é urxente promover actividades de investigación, de difusión e educativas ao longo de todo o ano e esforzarse por atraer a visitantes interesados polos valores ambientais do Parque, como xa sucede nos demais parques nacionais españois.

Verdegaia considera que unha das medidas imprescindibles para modificar esta percepción errónea do Parque Nacional é estender a todo o ano as liñas marítimas agora limitadas ao período estival, algo que contribúe a difundir esta imaxe de turismo de praia tan pouco compatible co parque. Uns servizos de transporte abertos os doce meses do ano atraerían a moitos visitantes interesados polos valores naturais do parque e non só ao turismo de praia.

Por todo isto, Verdegaia solicita do concello de Vigo a inmediata substitución da sinalización por outra que fomente estes valores.