O acordo unánime do Pleno permitiu aprobar case integramente a moción "Estratexia Municipal fronte ao Cambio Climático" presentada por Verdegaia o pasado mes de maio. Coa súa aprobación, o goberno municipal asume a integración de medidas de mitigación do cambio climático en todas as súas políticas.

As medidas aprobadas na moción resúmense en:

-A integración da mitigación e a adaptación ao cambio climático no conxunto das políticas municipais. Para axudar a concretar este obxectivo xeral, o Pleno acorda solicitar o ingreso do Concello na Rede Española de Cidades polo Clima, sección da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

-A elaboración dunha ordenanza sobre a captación e aproveitamento de enerxía solar para usos térmicos e fotovoltaicos que reforce as esixencias contidas no Código Técnico da Edificación.

-A realización dunha auditoría enerxética de todas as instalacións e equipamentos municipais e a elaboración dun plano enerxético municipal para a mellora da eficiencia enerxética e para a incorporación progresiva de fontes enerxéticas renovábeis nas instalacións e servizos municipais, en particular da enerxía solar térmica e fotovoltaica. En particular, cómpre reducir o consumo no alumeado público, tamén durante acontecementos festivos coma o Nadal.

– O estudo da creación dunha Axencia Local da Enerxía para informar e prestar asistencia técnica á cidadanía e ás empresas en materia de aforro enerxético e enerxías renovábeis e para desenvolver campañas de concienciación sobre a urxencia de aforrar enerxía en todos os ámbitos da sociedade.

-A redacción dun Plano de Mobilidade Sustentábel que incorpore medidas de pacificación do tránsito e restrición do uso do vehículo privado e potencie os medios de transporte menos consumidores de enerxía e menos contaminantes: a pé, bicicleta, transporte colectivo. O Concello promoverá entre os seus empregados e nas viaxes oficiais o uso de modos de transporte de baixo impacto ambiental.

-A planificación urbana integrará medidas que tendan a diminuír as necesidades de desprazamentos (freo á urbanización dispersa e de baixa densidade, mestura de usos,…) e a favorecer os modos de transporte menos intensivos en enerxía e menos contaminantes (marcha a pé, bicicleta, transporte colectivo). Antes de autorizar a instalación dunha grande área comercial, estudarase o seu impacto sobre o tráfico. Nos novos desenvolvementos urbanísticos crearanse áreas residenciais libres de coches.

– O imposto sobre vehículos de tracción mecánica penalizará de forma forte a aqueles vehículos con maior consumo enerxético e maiores emisións de dióxido de carbono (C02), e de forma moi especial aos vehículos todoterreo que non sexan de uso profesional.

– Na contratación de bens e servizos e na adxudicación de servizos municipais, primarase a eficiencia enerxética e o uso de enerxías renovábeis e, en xeral, todos aqueles criterios que favorezan a sustentabilidade, establecendo unha política de contratación pública verde.

– O obxectivo prioritario da política de residuos urbanos será a redución en orixe. Para iso, estudarase unha reforma da taxa de recolla de lixo que incentive a prevención da xeración de lixo e desenvolveranse accións continuadas de concienciación cidadá para favorecer hábitos que reduzan a produción de lixo. Asemade, implantarase progresivamente a recolla selectiva porta a porta. O destino do lixo recollido será a reciclaxe e a compostaxe.

Descarga a mocion cambio climatico.pdf Mocion completa.pdf (91.50 KB)