O Concello de Santiago vén de respostar á solicitude que Verdegaia apresentara no mes de Xuño solicitando a ocupación da Praza de Mazarelos os últimos sábados de cada mes, en horario de 11 a 14 horas, para a celebración dunha Feira de Troco. A pesares de que o propio Concello ten promovido, a través de axudas materiais, a celebración doutras edicións das Feiras de Troco de Verdegaia, o Concelleiro delegado de Mercados, Carlos Nieves, decidiu sorprendentemente non conceder o permiso por non atoparse Verdegaia inscrita dentro do Rexistro de Comerciantes de Xunta de Galicia.

O troco é unha actividade que en si mesma está á marxe do mercado económico, ten de feito, entre os seus principais atractivos o de non empregar moedas. Verdegaia, como promotora desta actividade, non obtén ningún tipo de lucro, como non podería ser doutro xeito ao tratarse dunha ONG. Esta argumentación foille transmitida persoalmente nunha xuntanza ao devandito Concelleiro sen que Verdegaia fose quen de o convencer do seu erro. Nos vindeiros días, Verdegaia presentará un Recurso de Reposición perante o Concello de Santiago de Compostela para esixir a concesión da autorización.

O Troco é un sistema de intercambio de bens onde o valor das cousas non o decide o seu prezo senón a súa potencial utilidade. Constitúe unha alternativa real ao actual modelo económico e supón un aforro incrible de recursos: que se reutilizan, que non se transportan dende lugares afastados, etc, ademais de propiciar un espazo de comunicación e lecer dentro da cidade.

O Troco enmárcase nunha campaña permanente que Verdegaia vén de apresentar esta semana: Consomes ou Devoras?. Este é o programa de Verdegaia dedicado ao consumo responsable. Nel conflúen análise, sensibilización e presión/ mobilización, mais tamén desenvolvemento de alternativas e apoio ás xa existentes. A Feira do Troco, a contrapublicidade, a promoción de cooperativas de consumo ou a edición de materiais e guías para un consumo responsable, son algúns dos elementos que articulan esta proposta. Máis información en: http://consomesoudevoras.info/

A pesares da innegable crise que atravesa o modelo económico global, o Concello négase a aceptar alternativas reais na nosa cidade, atopándolle inconvintes ao que antes denominara “unha interesante iniciativa” e xestionando caprichosamente un espazo público que é de toda a cidadanía.