Desde a Comisión Veciñal de afectados pola Depuradora do Lagares e a Asociación Ecoloxista Verdegaia denunciamos o continuo, intolerable e indigno gasto de diñeiro público (máis de 240.000.000€- case 40.000 millóns das antigas pesetas-) e o desleixo da adminisitración a hora de enfrontar a problemática do saneamento na Ría de Vigo.

A actual depuradora, inaugurada en 1997 cun custo de máis de 30 millóns de euros (na maioría procedente de fondos europeos) resultou ser un desastre medio ambiental para a Ría de Vigo. A nova depuradora proxectada, é o resultado dunha decisión política oportunista tomada sen ningún criterio técnico e sen estudio ambiental algún, en decembro de 2006, por Corina Porro como alcaldesa de Vigo baixo a presión da Xunta de Galicia para aprobar o PXOM.

O Protocolo Xeral de Colaboración para a execución do Estudo de alternativas e anteproxecto do sistema de depuración de Vigo firmado o 9 de marzo de 2007 entre a Xunta de Galicia, o Organismo Autónomo Augas de Galicia e a Sociedad Estatal Aguas de la Cuenca del Norte, S.A. (acuaNorte) por un importe de 912.283,51só "era unha cortina de fume para xustificar unha decisión política previa tomada antes de facer os estudos pertinentes, deixando de lado o afrontar o problema do saneamento das augas residuais de forma seria e rigorosa".

En maio de 2007, ACUANORTE, adxudicou á consultora SAITEC, S.A. o contrato do estudo de alternativas e anteproxecto de sistema de depuración da ría de Vigo. O estudo cun orzamento de 912.000€ tiña por obxecto a definición dun esquema xeral de saneamento de Vigo e tiña que definir o conxunto de remodelacións que tería que sufrir a rede de saneamento e o Anteproxecto da EDAR seleccionada, co grado de detalle suficiente para definir, valorar e licitar as obras incluídas nesta, así como un estudo básico do emisario submarino. O estudo, a pesar de ter que abordar desde un punto de vista integral e considerar todas as implicacións sociais, medio ambientais, legais, técnicas e económicas que leva consigo unha rede de saneamento, deu como resultado un anteproxecto e declaración de impacto ambiental interesados, parciais e tendenciosos, feitos co único fin de xustificar a decisión política previa do modelo de saneamento e de emprazar en Coruxo, onde está a depuradora actual, a nova depuradora. .

E de novo en xullo de 2011 ACUANORTE adxudica a SAITEC, S.A. o Contrato de Servizos de enxeñería para a redacción do "Anteproxecto do emisario submarino da EDAR de Lagares (Vigo), por un importe de 230.733€. E como non, esta empresa xustificará tal despropósito.

Xamais se fixo unha análise rigorosa sobre o medio natural. Recordamos que calquera novo emisario precisará un novo estudo de impacto ambiental e lembramos que a utilización dun emisario submarino na ría de Vigo, verquendo 8000 litros por segundo de augas residuais contaminadas, a unha temperatura maior que as augas frías do fondo da Ría, e sendo augas doces que, en circunstancias naturais, xamais chegan ao fondo da ría, vai supor un desastre ambiental dunha magnitude tal que en pouco tempo teremos unha ría estéril. Contaminación que se vai sumar a xa existente por metais pesados que a industria da comarca verteu e verte sen control, ou mesmo a que están a producir outras depuradoras na ría.

A mais disto temos que engadir o gasto de 33.905 €, pagado a Apia XXI, S.A. Pola xestion dos procedementos de expropiación dos terreos aos viciños, e 411.464€ á UTE (Fulcrum, Planificación, Análisis y Proyectos S.A. + G.O.C. S.A.) contratada para que valore cal, de entre as catro empresas que se presentaron á construcción da nova depuradora, é a axeitada.

Os custes ascenden a 240 millóns de euros (case 40.000 millóns das antigas pesetas). Lévase gastado un total de 1.357.369€ ao que lle hai que sumar +205,63 millóns de euros do contrato do novo proxecto da depuradora, +230.733 € do anteproxecto do emisario submarino, +27 millóns de euros do custe do proxecto do emisario e +5,2 millóns de euros do custe da acometida eléctrica.

Preguntámonos por que a administración non é quen de acometer a redacción, xestión e execución de calquera proxecto cos seus propios técnicos. Preguntámonos tamén polo papel dos organismos e entes públicos. Por quen son esas empresas subcontratadas, e pola falta de transparencia á hora de adxudicar estes contratos.

Informouse debidamente á cidadanía destes custes? Abriuse un debate serio sobre a situación actual do saneamento na Ría de Vigo e sobre alternativas a este proxecto? Quen e cando se decidiu que este modelo de macrodepuradoras é o máis axeitado? Cal é o interese que hai detrás de defender este modelo no que moitos técnicos, colectivos sociais e ecoloxistas non acreditan? Canto deste diñeiro vai para os petos dos nosos políticos? Que favores se pagan?

Todos estes millóns de euros forman parte dun gasto inútil, que como vimos avisando desde fai tempo, ao igual que pasou coa depuradora actual, non vai solucionar os problemas de saneamento e contaminación na ría de Vigo. Despois de facer caso omiso ás voces que levan tempo denunciando a mala xestión e funcionamento do saneamento na Ría, o irracional do modelo de macrodepuradora única, da falta de acerto no seu emprazamento o que fai esta administración e voltar caer no mesmo erro sacándose da chistera a construción dunha nova macrodepuradora no mesmo emprazamento: a Xunqueira do Lagares, un humedal único no sul do País e de extraordinaria riqueza que debería ser de obrigada conservación (conta con 5 hábitats de interese comunitario) pero pola contra miramos para outro lado mentres a administración teima en destruílo e seguimos mirando para outro lado agora que lle vai dar a estocada final polo que a destrución da xunqueira e dos seus valores naturais será irreversible.

Lembremos que a actual depuradora está construída ilegalmente en terreo de dominio público marítimo terrestre. No Estudo de Impacto ambiental non se realizou nen se contemplou unha verdadeira valoración de alternativas reais ao modelo actual de saneamento nen emprazamentos alternativos.

A nova depuradora mantén as mesmas graves deficiencias da actual depuradora:

  • non valora a importancia dunha rede de sumidoiros separativos que permitan a recollida e aproveitamento das augas pluviais (persisten en non tomar en conta a elevada pluviosidade da zona, a impermeabilización do solo da cidade e a necesidade de auga en tempos de seca). Non se ten en conta o grave efecto do verquido por emisario submarino.

  • non se teñen en conta políticas de redución no consumo. Non se valora tampouco a reutilización das augas para a rega, limpeza ou na industria. Non se lle da importancia ao tema dos verquidos industriais (van ao mesmo colector que as pluviais ou domésticas, sen tratamento previo nin caracterización de verquido). Non se ten en conta a imposibilidade de reutilización dos lodos xerados pola presenza de contaminantes

No actual contexto de crise e graves recortes orzamentarios en servizos básicos, este desbaldemento de cartos públicos é moito máis intolerable. Intolerable por encher as arcas de grandes empresas a base de proxectos, estudos e obras que non van resolver o problema de fondo da depuración das augas emitidas á nosa ría. Inoperante polo papel xogado pola clase política das diferentes administracións implicadas, que malgastan tempo e recursos que son escasos sen afrontar solucións reais aos problemas. Indigno porque esa mesma clase política e as empresas beneficiarias non asumirán ningunha responsabilidade por todo isto, como non a asumiron por teren construído a actual e ineficaz E.D.A.R.

Os responsabeis reais de tanta desfeita non son quen sofren as consecuencias. Quen si as sofre é a vida, a paisaxe, a biodiversidade, o pobo e o seu xeito de vida vencellado ao mar, os nosos sectores produtivos primarios (tan necesarios en momentos de crise como a actual. En definitiva, quen sofre é a Ría e a riqueza natural que agocha no seu seo.