Verdegaia-Compostela considera que o alumeado de Nadal é un gasto innecesario destinado a fomentar aínda máis o consumismo insolidario e insustentábel. Aínda que valora positivamente o uso de lámpadas LED, máis eficientes, considera excesivo que o alumeado fique un mes prendido e que estea aceso até as dúas da madrugada. Verdegaia propón que no ano próximo o gasto público en alumeado de Nadal se destine a fins sociais e ambientais e reitera a súa demanda ao Concello de Santiago para crear unha Axencia Local da Enerxía que fomente o aforro enerxético e as  renovábeis.

Un ano máis asistimos à liorta entre o Concello de Compostela e as asociacións de comerciantes polo alumeado de Nadal. Con certeza non imos entrar nas absurdas polémicas entre os distintos colectivos e o Concelleiro de Festas polas rúas e prazas que deben ou non ser ornamentadas, e se o custo é asumido en tal ou cual lugar polo Concello ou subsidiado con tal o cual porcentaxe. O resultado é que cada ano hai máis ruas con iluminación ornamental, máis consumo enerxético e máis diñeiro de tod@s gastado sen proveito para @s contribuíntes.

Este ano, e muito a pesar da situación económica, o investimento bate todos os recordes, 165.000 euros, xustificado polos responsábeis, paradoxalmente, como medio para combater os efeitos da crise económica, criando o ambiente para animar ao consumismo que a realidade das economías domésticas ten retraído nos últimos meses.

Desde Verdegaia denunciamos

  -O esbanxamento innecesario de enerxía eléctrica, incrementando o número de rúas con alumeado e estendendo as datas e horarios no que está aceso, malia o emprego de tecnoloxías máis eficientes como os LEDs.

  -O apoio da administración local ao consumismo estacional e asoballador promovido principalmente polos grandes poderes económicos multinacionais; e enfeblecendo o pouco traballo a prol dun consumo local, distribuído no tempo, responsábel e sustentábel.

  -O emprego de fondos públicos nestas actividades, acadando este ano a cifra máxima, habendo moitas necesidades de prioridade como o aforro enerxético do propio concello, igualdade social, comercio e emprego local de calidade, etc.

Rexeitamos a actitude das asociacións de comerciantes que laiándose de “discriminacións”, conseguen cada ano aumentar a extensión do alumeado ornamental, porque tal o cual rua non pode suportar a “ultraxe” de ficar sen luces de Nadal, subsidiadas ou pagas co noso diñeiro.

Consideramos em todo caso inxustificado que o alumeado demore un mes prendido, achamos que o inicio das ferias escolares é bastante para dar o “ambiente” de Nadal. Tampouco achamos xustificación a que as luces permanezan acesas até as dúas da madrugada, muito despois do feche dos estabelecimentos os días normais.