O sábado 5 de abril Verdegaia organiza outro obradoiro de xoguetes con material de refugallo en colaboración coa asociación de veciños Ponte Canedo. Este tipo de actividades pretenden concienciarnos sobre a nosa pegada ecolóxica máis directa, é dicir, os residuos que xeramos diariamente. Hai moitos envases e diferentes produtos ós que lle podemos dar unha segunda vida e evitar así adquirir un novo produto que sexa en breve máis lixo. A redución dos nosos residuos é o paso primordial para traballar pola sostibilidade ecolóxica e contra a destrución do planeta. Pretendemos achegar a todo o mundo o convencimento de que se poden facer moitas cousas cos residuos que xeramos, de tal xeito que os reducimos ó mesmo tempo que incrementamos a satisfacción do produto final, xa que o fixemos coas nosas propias mans. O obradoiro terá lugar no barrio da Ponte, concretamente na praza Mestre Luís Fernández, a partir das 11:30 h. e ata as 13:30 h.