logo_vai_de_roteiros.jpgVerdegaia Vigo coorganizará o vindeiro domingo 15 de marzo, xunto coa asociación ecoloxista Luita Verde, un novo roteiro do programa Vai de roteiros de Verdegaia que desta volta transcorrerá pola praia da Xunqueira e polo río da Fraga, ambolosdous lugares enclavados no concello morracense de Moaña. * Sairase a pé ás 11:30 h. da estación marítima de Moaña.

* debido á supresión dos barcos a Moaña, pódese coller o barco a Cangas ás 10:30 e logo en Cangas coller o bus cara  a Moaña (1´30€), que sae as 11:00 a carón da estación marítima de Cangas.

Segundo o itinerario previsto chegaremos á praia da Xunqueira pouco despois de comezar a actividade e máis tarde subiremos camiñando varios quilómetros a carón do río da Fraga onde xantaremos; xa á tardiña voltaremos ó lugar de partida.

A praia da Xunqueira, no concello de Moaña, a pesar de ser un areeiro periurbano, é un dos intermareais máis importantes da ría de Vigo, de gran importancia ornitolóxica e marisqueira.

Son de presenza común ou de invernada no seu paso migratorio garzas, mazaricos, biluricos, píllaras, pilros, virapedras, gavitas, carráns, corvos mariños e especialmente gaivotas, onde sobresaen importantes comunidades de gaivotas patiamarelas, escuras, choronas, cabecinegras, gaivotóns e mesmo rarezas procedentes do norte do continente americano.

O río da Fraga, que nace entre o monte Gagán e o Formigoso nas zonas máis altas do Morrazo, e desemboca na praia da Xunqueira, pasa por ser un dos máis caudalosos da comarca, e posúe un importante interese ecolóxico, socioeconómico e etnográfico. Cun importante bosque de galería, sobresaen os ameneiros e salgueiros, acompañados de abelaneiras, freixos e bidueiras. Na zona máis alta, onde se forman as gargantas xeolóxicas máis profundas, fórmanse pozas naturais entre espectaculares cachoeiras e fervenzas, e o bosque ripícola exténdese cara a fermosas carballeiras co seu sotobosque arbustivo, do cal probablemente lle veña o nome ó río. É palpable a humidade que desprende ao longo do seu curso, onde destacan as varias especies de fentos, liques e fungos e especies de fauna acuática coma os anfibios, onde destaca os endemismos ibéricos da saramaganta e a rá patilonga ou o sapo común, peixes coma as truitas e depredadores coma a garza cinzenta, a doniña, o miñato, o azor , ou a avelaiona, entre outras.

Entre o seu rico patrimonio etnográfico sobresaen dende a zona baixa e media do río, a gran cantidade de muíños, canles, corredoiras e muros de pedra, e ao seu abeiro aínda se sigue cultivando longas, estreitas e fertis leiras, dentro dun vistoso mosaico e minifundista paisaxe.

O concello de Moaña deseñou un roteiro sinalizado ao longo de nove quilómetros polo río, con zonas musealizadas na parte baixa e media.

Información sobre o roteiro

O percorrido é de dificultade media e realizarase coa axuda dun guía que dará explicacións precisas sobre os diferentes aspectos que se vaian observando ao longo da xornada.



O roteiro durará todo o día polo que cómpre levar comida, calzado e roupa axeitados, e prismáticos se se dispón deles. Ademais, é aberto e gratuíto para todas e todos.

 Existen diferentes liñas de autobús interurbano e unha liña de barco procedente de Vigo para desprazarse até o punto de partida do roteiro e para así non empregar o vehículo privado e non contribuír deste xeito ao avanzo da mudanza climática.

Vai de roteiros

O programa Vai de roteiros de Verdegaia abrangue a totalidade da xeografía galega e de zonas próximas á nosa comunidade e persegue diferentes fins como servir para divulgar os valores naturais, culturais e etnográficos das zonas visitadas, dar a coñecer e denunciar as desfeitas que se detectan nas zonas polas que transcorra o roteiro, fomentar a participación cidadá en actividades relacionadas coa natureza, ser un elemento de ocio máis ofertado gratuitamente á cidadanía, e fomentar o traballo conxunto entre asociacións, entre outras finalidades.



 

Para máis información:

Roi Seoage, coordenador do núcleo comarcal de Verdegaia en Vigo (661 240 605).