Este sábado 28 de febreiro saímos á rúa unha vez máis. Insistimos, como cada último sábado de mes, pois estamos convencidas de que só mudando a nosa forma de consumir conseguiremos crear un mundo máis racional.

Este sábado, pois, plantaremos os nosos postos demais_troco_p.jpg troco e cesión na rúa Urzáiz, fronte ao mercado do Calvario, entre as 11:00 e as 13:00 horas (ou, se chove, no Centro Social do Calvario, antiga "La Cultural", na rúa Numancia 3). Así que xa sabes: o sábado 28, no Calvario, apóntate ao Mercadiño de Troco e Cesión.

Alí agardámosvos. Traede as vosas cousas, as vosas forzas e as vosas ideas: o mercadiño é o mellor sitio para intercambiar ou ceder libros, discos, materiais de informática, decoración, fogar ou roupa; pero tamén é o lugar perfecto para intercambiar servizos. Queres exemplos? Que tal cambiar unhas clases de inglés por unha revisión da túa instalación eléctrica, ou unha man de pintura por unha práctica de cociña?

Déixate de escusas! Se queres que muden as cousas, empeza por mudar a túa forma de consumir. Ven ao mercadiño, pon o teu posto e consegue o que precisas!

E recordade, no caso de que chova, o mercadiño celebrarase no Centro Social do Calvario, na rúa Numancia 3 (a poucos metros da rúa Jenaro de la Fuente). E, o resto do mes, apuntádevos ao troco na nosa web de intercambio: http://vigotroca.arkipelagos.net/

Organizan:

Amarante, Árbore, Caleidoskopio, Verdegaia e Centro Social do Calvario

Vigo, 28 de febreiro de 2009