Co gallo do Día Internacional do Comercio Xusto e co lema “Pola Soberanía Alimentar, por un Comercio Xusto no Norte e no Sul” sete organizacións de comercio xusto e solidariedade, ecoloxistas, de consumo responsabel e labregas, únense para demandar un comercio xusto e denunciar as condicións de produción e o control dos prezos das grandes empresas que non garanten nen salarios dignos nen unha vida digna ás persoas produtoras. O sistema industrial agroalimentar que degrada o ambiente e as garantías de alimentos sans e saudabeis para as persoas.

cartaz_dia_cx_09.jpgReivindicar o Comercio Xusto como un acto político

Ao igual que o 1 de maio é para os traballadores un día simbólico de loita polos dereitos das persoas traballadoras, queremos que o 9 de maio, día internacional do comercio xusto sexa un día no que reivindicar un marco internacional e local de comercialización baseado no respeito ás persoas e ao ambiente, que teña como horizonte a xustiza social e a sustentabilidade ecolóxica.

Querendo fuxir dalgúns estereotipos que contribúen a banalizar o comercio xusto, entendemos que o 9 de maio é un día para reivindicar o “outro mundo posibel”, un mundo “non capitalista”.

Un "Mercado Transparente"

Os actos que terán diversos aspectos reivindicativos e lúdicos pivotaran sobre unha actividade central, o “mercado transparente” que se desenvolverá en cada unha das seguintes vilas galegas: Vigo, Pontevedra, Compostela, Ribadeo, A Coruña e Ourense. Pero, que é un mercado transparente?:

O mercado transparente é confianza: pretendemos construír espacios de dialogo e coñecemento entre as persoas consumidoras e as productoras, creando lazos de confianza e de colaboración fronte aos de competencia e “seguridade oficiais”. Coñecer quen produce o que comemos, a súa realidade e os seus custes de produción.

O mercado transparente é xustiza: labregos e labregas galegas amosan o prezo de produción dos distintos produtos tanto frescos como elaborados así como as organizacións de comercio xusto amosarán os prezos que se lle pagan ás organizacións produtoras. Desta forma, os asistentes poderán comprobar a diferencia existente entre os produtos na orixe e o que as grandes áreas cobran aos consumidores e consumidoras profundizando nun sistema neoesclavista nos países do Norte e do Sul. Así temos como por un quilo de cacau de comercio xusto se lle paga ós produtores 2,63 dólares; mentres que os intermediarios das grandes multinacionais chegan a pagar 0,87 dólares por cada quilo en Ecuador

O mercado transparente é sustentabilidade: comercializamos produtos de tempada e comercializados na distancia máis curta posibel. Aqueles produtos que non se producen nas nosas latitudes contan coas garantías de produción do comercio xusto, como o café ou o cacau. Denunciamos que actualmente cada bocado que levamos á boca percorreu antes de estar no noso prato 2.400 km . O consumo enerxético derivado deste feito contribúe a que a nosa pegada ecolóxica estexa xa por riba dos 3 planetas (é dicir, que precisariamos 3 planetas se todas as persoas viviran co noso modelo de consumo insustentábel).

O mercado transparente é desenvolvemento rural: asistirán persoas do rural que deciden quedar no rural para vivir con dignidade e alimentar aos seus conxéneres. Denunciamos un modelo de subdesenvolvemento do rural baseado no desmantelamento dos servicios públicos, na desaparición da cultura labrega e da súa identidade que fixo que por primeira vez en 2008 a poboación urbana do planeta superara á rural.

O mercado transparente é soberanía alimentar: denunciamos o escaso acceso á terra así como a obriga da produción para a exportación nos países do Norte e do Sul no marco da suposta economía de libre mercado. Cando os pobos xa non poden obter alimentos sans e culturalmente axeitados da súa terra por estar submetidos ao xugo de intereses comerciais e financeiros a soberanía alimentar apreséntase como a única saída emancipatoria.

O mercado transparente é seguridade alimentar: aquí as persoas labregas poden producir, elaborar e comercializar o seu propio produto sen pasar pola industria. Fora do mercado transparente está un modelo agrícola homoxeneizador e industrializador que penaliza estas prácticas. Convén polo tanto lembrar que a industria é a causante das crises alimentar e sanitarias como as “vacas tolas” a “gripe aviar” ou a recente “febre porcina”, non as persoas labregas.

Actos centrais do Día Internacional do Comercio Xusto 2009

Organizados por Amarante, Arbore, A Gradicela, Emaus, Semente, Sindicato Labrego Galego e Verdegaia realizaranse mercados transparentes e outras actividades nos seguintes puntos:

  • A Coruña. Praza do Obelisco
  • Compostela. Praza 8 de Marzo (Rúa de San Pedro)
  • Ourense. Praza Maior
  • Pontevedra. Praza de Curros Enriquez
  • Ribadeo. Os Cantóns (Praza de España)
  • Vigo. Gran Vía (A altura da Rúa Venezuela)

Os horarios serán de mañá, salvo en Ourense e Compostela, onde se realizarán actividades ao longo de todo o día. No caso de Compostela as actividades coinciden coa feira da primavera que todos os anos organiza a AVV A Xuntanza.