minicentral_ro_edo_castro_caldelas.jpgVerdegaia denuncia de novo o abuso de aproveitamentos hidroeléctricos nas concas galegas xa sobreexplotadas. Desta vez tocoulle ó río Edo, afluente do Sil que baña o concello de Castro Caldelas, onde se autorizou un novo aproveitamento hidroeléctrico dentro deste concello. 

Basta mirar calquera mapa (animamos a todo o mundo a que faga o exercicio) para ver dunha soa ollada ó redor da zona, uns máis preto e outros máis lonxe: encoro de Leboreiro, encoro de Edrada, encoro de Guistolas, encoro de Montefurado, encoro de Chandrexa de Queixa, encoro de Cea, encoro de Mourela, encoro de San Miguel, encoro de San Martín, encoro de Cenza, encoro do Bao, encoro de Prada, encoro de Santa Eulalia, encoro de Santiago…

Alguén pode pensar que un sitio como Castro Caldelas, completamente rodeado de explotacións hidroeléctricas, precisa realmente unha nova explotación, sobre todo se temos en conta a sobreexplotación do río Sil, que pasa por alí preto? Non será que, en todo caso, non se utilizan adecuadamente os recursos? Non será, para variar, que son minicentrais que soamente dan riqueza a unha persoa ou grupo de persoas reducido? Pensemos que a empresa se chama “Productora Eléctrica del Castro S.L.”, é dicir, claramente para explotar esa zona, aínda que ten domicilio na Coruña.

Hai detalles que soan bastante estraños, como que isto comece sendo solicitude de Laura Souza de Souza, Manuel Iglesias Souza e Laura Gabriela Iglesias Souza (parecen familia, non?), pero en dous anos pasa a titularidade da solicitude a Productora Eléctrica dle Castro S.L., que pasou a ter como representante a Fernando Iglesias Roa.

É dicir, na opinión de Verdegaia estamos outra vez ante unha concesión para que un grupo de persoas se enriqueza a custa dos valores ambientais da zona.

Valla como exemplo o que di o Concello de Castro Caldelas na súa páxina web:

O río Edo, afluente do Sil pola esquerda, baña a metade occidental do municipio en sentido S-N e encáixase ó pé da vila caldelá, anticipando así, o seu encontro co Sil e formando unha paisaxe espectacular”.

E o mellor de todo é que non soamente teñen todo o que teñen arredor, non soamente teñen na súa páxina web que ten unha paisaxe espectacular a zona, senón que xa existe unha minicentral no río Edo que non cumpre nin os mínimos esixidos. Unha desfeita absolutamente inaceptable.

Pensamos que é suficientemente expresivo e indicador do que se vai estragar na zona.

Verdegaia repite: NON MÁIS MINICENTRAIS NIN ENCOROS!