Galicia foi bautizada como “o país dos mil ríos” e parece que algunhas persoas non están dispostas a parar ata telos todos encorados por varios sitios. Hoxe temos que falar de dúas novas minicentrais: unha en Chandrexa de Queixa e outra nos municipios de Laza e Castrelo do Val. A de Chandrexa de Queixa pretende encorar o río Forcadas e o río Grande que logo seguen unidos ata acabar precisamente no encoro de Chandrexa de Queixa, onde se pretende situar a minicentral.

Respecto a esta explotación hai que dicir, en primeiro lugar, que a empresa promotora se chama Hidroeléctrica del Río Grande S.L. A situación collería unha pequena parte do Espazo Natural "Macizo Central", que está proposto para ser parte da Rede Natura 2000 pola orde do 28 de outubro de 1999 da Consellería de Medio Ambiente e declarado Zona de Especial Protección de Valores Naturais segundo o Decreto 72/2004 do 2 de abril. Tamén está preto do Parque Natural do Invernadoiro.

A partir da minicentral sairía unha liña (Liña 20 kV C.H. Río Grande-Subestación P.E. Serra do Burgo) que xa a empresa di que non ten estudo de impacto ambiental por unha orde que declara a súa innecesariedade.

Chama a atención a finalidade da enerxía que iría por esta liña, xa que o estudo di: "servirá para el transporte de energía para diferentes instalaciones de generación existentes en la zona, entre las que se encuentran diversos parques eólicos." Debemos entender entón que se fai a minicentral para que funcionen parques eólicos que non funcionan en realidade? 

A zona na que está pensado facelo está rodeada doutro encoros, empezando porque a central estará ó pé do encoro de Chandrexa de Queixa.

O remate do asunto é que se comenta coma unha gran vantaxe da obra:

"­- Hidroeléctrica del río Grande, S.L. empresa promotora del aprovechamiento, es una sociedad con participación importante del propio Ayuntamiento, ya que el presidente del consejo de Administración es el propio alcalde de Chandrexa de Queixa. Por lo tanto buena parte de los beneficios del aprovechamiento redundarán directamente en los propios vecinos, en un municipio necesitado de muchos recursos por sus características poblacionales de edad, dispersión, emigración y baja renta per cápita."

Aquí xorde unha dúbida: Se cambia o alcalde tamén cambia o interese de facer a central?

Ademais desta minicentral falamos tamén doutra, xa que está pola mesma zona ambiental. É a minicentral de Castrelo do Val e Laza do promotor Ramón García Seara.

Da documentación sacamos a información do tipo de hábitats afectados, que son:

–          Uceiras secas europeas

–          Uceiras oromediterráneas endémicas

–          Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica.

Esta minicentral tamén estaría moi preto do Parque Natural do Invernadoiro e do LIC do Macizo central.

En resumo, seguimos coa febre de facer minicentrais indiscriminadamente sen ter en conta as zonas que quedarían afectadas e co descaro, inda por riba, de cantar como unha vantaxe o interese dun alcalde no proxecto.

No país dos mil ríos xa fixemos encoros, centrais, minicentrais e demais atentados ecolóxicos sen necesidade de continuar sendo un mal exemplo de protección do patrimonio natural. Ademais de facer minicentrais innecesarias e que soamente seguen destrozando a paisaxe e o medio, seguimos empeñados en facelas sempre nos sitios de máis valor ecolóxico.

Xa é hora de que a Administración meta man duramente a este tipo de actuacións e lle poña remedio declarando todas estas zonas de interse ambiental protexidas para evitar que se siga destruíndo o pouco que nos queda e que pasemos de ser "o país dos mil ríos" ó "país do millón de encoros".