O Núcleo Comarcal de Verdegaia en Compostela organiza este xoves 18 de outubro, ás 20:00 h, na aula 6 da Facultade de Historia, unha mesa redonda baixo o título "Biocombustíbeis, Soberanía Alimentar e Relacións Norte/Sur", coa participación de Enrique Banet, Presidente da Fundación Galicia Verde, Xosé Manuel González Vilas, do Sindicato Labrego Galego, Juan Álvarez Carril, Director do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), e Fernanda Couñago, Directora  da ONGD Amarante.

Os biocombustíbeis están a ser unha das grandes apostas para suprir a previsíbel diminución das existencias de petróleo e reducir os niveis de emisións de CO2, xerador do efecto invernadoiro. A Unión Europea pretende substituír o 5,25% do consumo de enerxías fóseis do transporte por biocombustíbeis para o 2010.

Mais non todas as opinión son favorábeis. Hartmut Michel, premio nóbel de Quimica en 1988, afirma que a produción de biodiesel non contribuirá a reducir CO2 porque consomen tanta enerxía na súa produción como a que se obtén na súa combustión. O Informe do Relator Especial das Nacións Unidas sobre o dereito á alimentación sinala a súa preocupación porque os biocombustíbeis terán como secuela a fame. Existe o grave risco de crear unha batalla entre os alimentos e os combustíbeis que deixará ás pobres e aos que padecen fame nos países en desenvolvemento á mercé dos prezos en rápido aumento dos alimentos, a terra e a auga. Outras voces apuntan a un novo golpe á soberanía alimentar e a un incremento da débeda ecolóxica dos países ricos.

En definitiva, un tema crítico con múltiples derivacións que abranguen dende o modelo enerxético e de transporte até a alimentación, dende os transxénicos até a deforestación e dende a débeda externa até a débeda ecolóxica.