A Plataforma Galega AntiTransxénicos, da que Verdegaia fai parte, inicia unha campaña informativa na procura da declaración de Galiza como Zona Libre de Transxénicos, así como dunha lexislación para etiquetaxe de produtos moito máis estrita que permita coñecer os ingredientes reais que os compoñen, facilitando a elección consciente e responsábel de cada un de nós. 

Tal como se recolle no manifesto da plataforma, os organismos xeneticamente modificados (OMX) non contribuíron a aliviar nin a pobreza nin a fame no mundo, como se cansaron de anunciar as grandes transnacionais e os laboratorios. Pola contra, as aplicacións comerciais da biotecnoloxía na agricultura están aumentando a fenda que separa a pobres e ricos. A maior parte das colleitas MX destínanse á alimentación gandeira, é dicir, para satisfacer o consumo de carne dos países ricos.
Non reduciron o uso de produtos tóxicos. As plantas tolerantes ao herbicida permiten aos labregos usaren grandes cantidades dos mesmos, coa aparición de resistencias nas “malas herbas”, obrigando a incrementar o uso dos agrotóxicos, é dicir, máis gañancias para as grandes multinacionais dos agrotóxicos. Tampouco crearon alimentos con maior calidade nutricional ou terapéutica, mais si xeraron moitas incertidumes : alerxias, resistencia a antibióticos, maior concentración de agrotóxicos,…. 

Consulta o manifesto e as actividades na páxina web da Plataforma