IncendioFragas2A Xunta de Galiza elude a súa responsabilidade sobre a necesaria planificación forestal no Parque Natural das Fragas do Eume. Para os colectivos integrados na Federación Ecoloxista Galega e a Sociedade Galega de Historia Natural, a inexistencia do obrigado Plan Reitor de Usos e Xestión e dun plan forestal non só favorece ano tras ano o risco de incendios, senón que impide que as persoas propietarias podan conciliar a explotación forestal e a conservación da biodiversidade. Transcorrido un ano do incendio que afectou a este espazo natural, os responsables de Medio Ambiente limítanse a informar das medidas de urxencia adoptadas, silenciando os problemas de eucaliptización e ignorando as peticións de maior información de cara a consensuar os usos e aproveitamentos no parque.

O 22,5% do Parque Natural Fragas do Eume está ocupado por repoboacións de piñeirais ou eucaliptais, realizadas moitas delas en terreos de alta pendente. E foi precisamente nestes espazos, debido á alta pirofitidade producida polas resinas e alcoholes existentes na composición orgánica desas especies, onde o incendio ocorrido en 2012 tivo unha especial virulencia e onde a recuperación está sendo máis difícil.
 
Aínda que o lume se iniciou nunha zona de matogueiras, atopou nas repoboacións un excelente combustible que lle permitiu acadar as zonas de fragas. Transcorrido un ano de incendio, e concordando en liñas xerais coa información proporcionada por Medio Ambiente, convén salientar en cambio que nas zonas de rochedo pódese observar unha maior erosión e a perda de boa parte do mantillo protector.
 
Tamén queremos salientar o acerto de non autorizar talas prematuras nos espazos queimados, evitando así danos no chan. Sen embargo, os responsables de Medio Ambiente, na súa última nota de prensa, limítanse a informar das medidas de urxencia adoptadas, silenciando os problemas de eucaliptización e eludindo a súa responsabilidade sobre a necesaria planificación forestal no Parque Natural. O eucalipto, en fase de rebrote despois do lume, ademais do alto risco de propagación de incendios, é unha ameaza real para a biodiversidade natural do bosque caducifolio atlántico, posto que non é unha especie autóctona e se convirte en invasora colonizando espazos máis aló das propias plantacións de monocultivos forestais.
 
O ano 2012 pechouse, ao igual que os anos anteriores, coa falta de avances de cara á definición do obrigado Plan Reitor de Usos e Xestión e dun plan forestal. O borrador presentado en febreiro de 2011 resultou ser unha proposta insuficiente ou mesmo contraproducente de cara á conservación da biodiversidade. Sen embargo, a falta de avances vén derivada da parálise que os responsables de Medio Ambiente impoñen aos órganos, xa meramente consultivos, onde están representados os diferentes intereses: durante o 2012 a Xunta non convocou a obrigada reunión ordinaria da Xunta Consultiva do Parque nin se realizaron outro tipo de xuntanzas onde achegar posturas. Só no mes de maio se celebrou unha reunión extraordinaria con carácter meramente propagandista para dar conta das medidas tomadas como consecuencia do incendio que sufriron as Fragas do Eume.  
 
Os colectivos asinantes reivindicamos novamente que se deben cumprir as diferentes normativas: a localización de eucaliptais e piñeirais na zona de transición entre as matogueiras e as fragas, e nos terreos de alta pendente, son un risco e deben ser substituídos por outro tipo de cultivos caducifolios e non pirófitos compatibles coa conservación da biodiversidade e cos intereses das persoas propietarios. Estas medidas deben integrarse no PRUX e no plan de xestión forestal, consensuados nun auténtico proceso de consulta e participación pública a través dos diferentes órganos (Xunta Consultiva, Consello Forestal, Consello Galego de Medio Ambiente, etc.). A Xunta de Galiza debe proporcionar toda a cobertura técnica e facilitar que as persoas propietarias accedan aos recursos públicos dispoñibles para acadar que a declaración como Parque Natural sexa unha vantaxe para elas e para o conxunto da cidadanía, e un exemplo real de conservación do territorio protexido.