central_trmica_meirama.jpgDiversas organizacións cidadás convocaron para o sábado 24 de abril unha “Andaina polo Clima” en Cerceda (A Coruña) baixo o lema “O clima non está á venda”. A marcha discorrerá entre a central térmica de carbón de Meirama, propiedade de Gas Natural-Unión Fenosa, e a incineradora de residuos urbanos de  SOGAMA. Deste xeito, as organizacións convocantes súmanse desde Galiza ao Día da Terra, celebración ecoloxista da que en 2010 se cumpren corenta anos.

No manifesto que serve de base a esta convocatoria, as organizacións promotoras presentan a mudanza climática como a manifestación máis preocupante dunha crise ecolóxica planetaria moito máis decisiva para o futuro da humanidade que a actual crise económica. Galiza é corresponsábel deste grave problema socioambiental, pois presenta unhas elevadas emisións por habitante de dióxido de carbono (CO2) e outros gases de invernadoiro causantes do cambio climático, o que se relaciona, entre outros factores, coa  localización no noso territorio de grandes industrias emisoras (nomeadamente as centrais térmicas de carbón de Meirama e As Pontes), co uso masivo do coche e do camión, coa incineración e o vertido da maior parte do lixo ou co retroceso alarmante da agricultura labrega.

Os convocantes da "Andaina polo Clima" demandan un tratado internacional xusto, vinculante e ambicioso para evitar unha mundanza climática catastrófica. E esixen á  Xunta e aos demais poderes públicos a aplicación urxente en Galiza de políticas coherentes con este obxectivo, que posibiliten unha redución mínima do 30% das emisións galegas de gases de invernadoiro en 2020 a respecto de 1990. Trátase dunha obriga moral, mais tamén  dunha oportunidade para mellorar as vidas dos galegos e galegas, xa que unha economía baixa en carbono implicaría múltiples beneficios, como unha menor dependencia enerxética e alimentaria, cidades máis habitábeis, un rural vivo ou empregos verdes.

Na marcha para conmemorar o Día da Terra rexeitaranse falsas solucións á mudanza climática como a enerxía nuclear ou os agrocombustíbeis insustentábeis e defenderanse medidas como o peche das centrais térmicas de carbón e da incineradora de SOGAMA, o decrecemento do consumo de enerxía, unha moratoria na construción de novas autovías e autoestradas e na ampliación dos aeroportos, a expansión das enerxías renovábeis e a promoción do transporte sustentábel, da redución, reutilización e reciclaxe dos residuos e da soberanía alimentar e a agroecoloxía.

Convocan: Amarante, Amigos da Terra, Asociación cultural Lucerna (Cerceda), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Federación Ecoloxista Galega (FEG), Greenpeace, Iniciativa pola Soberanía Alimentar dos Pobos (ISAP)  e Verdegaia.

Máis información:

pdf pdf Manifesto O Clima non está á venda