A presenza de Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente,  no recente Cumio anual do Clima da ONU, da man da ministra galega Elena Espinosa, é unha operación de puro marketing político en plena precampaña electoral. 

A Xunta foi a Poznan (Polonia) a vender un Plan de Acción contra o Cambio Climático, aínda sen aprobar, que pretende reducir 12,25 millóns de toneladas de gases de efecto invernadoiro até o ano 2012. Non é difícil imaxinar a cara que porían membros de delegacións de países pobres ao descobriren que esa redución é a respecto dun escenario tendencial, é unha redución virtual. O salientable é que, co Plan da Xunta, Galicia aumentaría as súas emisións desde un 20,6 % en 2006 até un 37% no 2012, tomando como referencia o ano 1990. Galicia, un país desenvolvido, cunhas emisións por habitante entre as máis altas de Europa, combate as alteracións climáticas… aumentando as emisións que as inducen!.

Mellor sería que a Xunta, en lugar de apostar polo marketing e o turismo de cumios, apostase pola redución do consumo enerxético, polo desenvolvemento respectuoso co territorio de todas as enerxías renovables e polo transporte sustentable.

Máis información:

O Plano da Xunta fronte á Mudanza Climática non reducirá as emisións

Verdegaia demanda á Xunta reducións reais das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI)

A Xunta non reduce a achega do transporte á mudanza climática