Tras apresentar alegacións ó Proxecto de actuacións de restauración, conservación e uso público das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro, que a Consellaría do Medio Rural vai realizar neste espazo natural, Verdegaia foi convocada a unha reuníón no Servizo de conservación da natureza na delegación da Consellaría en Pontevedra.

Nesta reunión á que asistiron a xefa do Servicio de conservación da natureza en Pontevedra, Susana Torres Bravo, e a responsable do L.I.C. das Gándaras de Budiño e directora das obras, Ángela Rodríguez-Gironés Arbolí, tratáronse os puntos máis polémicos ou que non estaban demasiado claros no proxecto, como as datas de execución das obras, os materiais empregados, o destino dos lodos extraídos ou as medidas para evitar a expansión de especies invasoras na execucción das obras. Tamén falamos da necesidade ou non de realizar algunhas das obras do proxecto que poderían afectar ás zonas máis sensibles do L.I.C., como a braña do Arroio.

En xeral as sensacións na reunión foron positivas xa que observamos bastante interese en levar a cabo ó proxecto da mellor forma posible. Dende Verdegaia, agardamos que este proxecto marque un punto de inicio na recuperación e conservación deste espazo natural tan ameazado, maltratado e ignorado, e que a administración se involucre dunha vez por todas na protección efectiva do L.I.C. das Gándaras de Budiño e Ribeiras do Louro.